Os barcos históricos do “Exploraterra” chegan hoxe a Coruña da man da Xunta e da Fundación Nao Victoria

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández, participou hoxe na recepción da Nao Santa María e a carabela portuguesa Veracruz, que poderán visitarse de balde no peirao de Trasatlánticos desde hoxe ata o 13 de marzo

Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural que inclúe a rehabilitación integral da carabela A Pinta, un novo espazo dixital na Casa da Navegación de Baiona e unha exposición e un documental baseado na temática do proxecto

A Coruña, 9 de marzo de 2022

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, participaron hoxe na recepción da xira de barcos históricos do proxecto europeo Exploraterra, que permanecerán na cidade ata o 13 de marzo. Trátase dunha iniciativa liderada pola Fundación Nao Victoria, financiada con Fondos Feder a través do programa Interreg V, que conta coa participación da Xunta de Galicia entre outras institucións, co obxectivo de por en valor e promover o coñecemento do patrimonio cultural e histórico asociado ás viaxes de descubrimento.
Neste sentido, Trenor destacou a importancia de preservar, valorizar e promover o patrimonio cultural vencellado á era das grandes expedicións marítimas nas que Galicia ten un “importante protagonismo histórico e especialmente A Coruña xa que dos nosos peiraos saíron expedicións como Humboldt ou Balmis”. E neste contexto, avogou por impulsar a súa divulgación como atractivo cultural e turístico. Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural destinada a promover diferentes accións entre as que se inclúe a rehabilitación integral da carabela A Pinta e a elaboración dunha exposición itinerante e un documental baseado na temática do proxecto.

Visitas de balde

A xira Exploraterra 2022 estará na Coruña representada polas réplicas da Nao Santa María e a carabela portuguesa Veracruz, que permanecerán atracadas no peirao de Trasatlánticos ata o 13 de marzo. O público terá así a oportunidade de visitar de balde ambos os dous navíos.
“Exploraterra inclúe un ambicioso programa cultural” que, dixo, “permítenos afondar nas grandes exploracións marítimas que cambiaron o curso da historia, e compartir unha herdanza común con algunhas das nosas rexións irmáns”. Fixo así un chamamento a aproveitar esta identidade conxunta desde o punto de vista histórico, cultural, xeográfico e etnográfico que hoxe representa este proxecto Exploraterra, convertido nun” atractivo excepcional polo seu gran potencial de aproveitamento cultural e turístico”, concluíu.

Pola súa banda, Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña,
destacou que o “porto da Coruña quere ser un porto aberto a todo mundo e visitar estos buques é unha boa ocasión para acercarse aos nosos peiraos”. Neste senso, subliñou que “foi un acerto incluír A Coruña nesta xira Exploraterra, estamos agradecidos por elo á Fundación Nao Victoria e á Xunta de Galicia”. “O porto coruñés ten unha gran dimensión histórica como punto de partida de senlleiras expediciones reais, comerciais, científicas ou sanitarias”, rematou.

Imaxes relacionadas