A Xunta debate coa Comisión Europea as prioridades da Unión para este ano no contexto da guerra da Ucraína

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou a a segunda reunión do ano do ciclo de encontros virtuais "FGE | NextGeneratiOn Galicia”

A Xunta e a Comisión Europea abordan o programa de traballo da Comisión para o 2022 e as súas implicacións para Galicia coa xefa de IDEA, o centro de asesoramento da presidenta da Comisión. Europea, Ursula von der Leyen

A resposta da UE á guerra en Ucraína en materia de axuda humanitaria, acollida de refuxiados, abastecemento enerxético e defensa centrou boa parte da reunión
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe o segundo encontro virtual do ano do ciclo FGE | NextGeneratiOn Galicia, o punto de encontro mensual establecido pola Fundación Galicia Europa entre a Xunta e a Comisión Europea que, nesta ocasión, estivo dedicado a abordar o programa de traballo da Comisión para o 2022.

O director xeral fixo repaso dos temas abordados neste ciclo desde a súa posta en marcha hai máis dun ano e medio, como as transicións verde e dixital, a reforma do marco normativo das axudas de Estado ou a cuestión demográfica. Así mesmo, mostrou a súa satisfacción pola utilidade dos encontros á hora de intercambiar ideas, identificar oportunidades e informar á Comisión Europea acerca das áreas nas que Galicia xa está a traballar.

Tras a súa intervención, unha ampla representación da Xunta puido analizar coa galega Sonia Vila, que está á fronte do centro de asesoramento da presidenta da Comisión Europea, as prioridades establecidas polo executivo comunitario no seu programa de traballo para este ano. En relación coa actual crise en Ucraína, Sonia Vila explicou as distintas áreas nas que está a traballar a UE: dende a acollida dos xa máis de dous millóns de refuxiados ata as novas propostas para conter os prezos da enerxía, pasando pola seguridade de abastecemento alimentario ou a posibilidade de poñer en marcha un novo paquete financeiro que dea resposta ás necesidades en materia de defensa e gasto enerxético. Mañá e pasado, os líderes europeos tratarán esta cuestión nun cumio informal en Versalles.

No que atinxe ao programa de traballo previsto para 2022, a Comisión Europea ten sobre a mesa un listado de 42 novas iniciativas lexislativas en torno ás seis grandes ambicións políticas actuais: o Pacto Verde Europeo, a preparación de Europa para a era dixital, o fortalecemento do papel de Europa no mundo, a promoción do modo de vida europeo e a protección da democracia. Algunhas das iniciativas clave xa saíron á luz como a recente Lei Europea de Chips, coa que a UE pretende fomentar a produción europea destes importantes compoñentes para a industria.


Ao final deste encontro, a directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, expuxo as prioridades galegas sobre algúns dos expedientes que están a debate na axenda europea, como a proposta de eliminación de subvencións aos combustibles fósiles, a Estratexia Forestal Europea ou a revisión da Rede Transeuropea de Transporte. Ana Ramos destacou tamén o reto ao que se enfronta a Administración galega este ano en relación co orzamento comunitario, xa que debe ultimar a execución dos fondos estruturais 14-20 e máis o complemento de REACT-UE, ademais de executar as transferencias do Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia e programar o novo período 2021-2027. Para facilitar esta tarefa, a Fundación Galicia Europa prevé organizar dúas novas edicións do seu curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e publicar unha Guía de Financiamento Comunitario 21-27.


Encontros virtuais entre a Comisión Europea e a Xunta de Galicia

O ciclo de encontros FGE |NextGeneratiOn Galicia reúne mensualmente á Xunta de Galicia con representantes da Comisión Europea para abordar de forma conxunta as políticas impulsadas desde a UE. Desde a súa posta en marcha en setembro de 2020, e con máis de 20 encontros celebrados, este ciclo ten servido de foro de debate de multitude de temas como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.