A Xunta avanza a bo ritmo nos traballos de execución desta actuación estratéxica, na que está a investir 12 M€, e mantén o obxectivo de tela rematada a finais deste ano

As obras do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres, en Pontevedra, entran nunha nova fase coa chegada da tuneladora procedente de Alemaña

As vindeiras xornadas dedicaranse á montaxe das pezas desta máquina de grandes dimensións, que será sometida a continuación a diferentes probas e autorizacións co obxectivo de comezar a funcionar a principios de abril


As actuacións que se están a executar nesta obra comprenden dúas partes diferenciadas, unha terrestre, de construción dunha cámara de carga e unha estación de bombeo, e do emisario, de máis de 3,5 km de lonxitude

A perforación do túnel do tramo terrestre do emisario realizarase coa tuneladora que chegou hoxe mesmo, que se ocupará da escavación desde o pozo de ataque ata a saída polo fondo mariño no punto onde se iniciará o tramo submarino da tubaxe

Nestes momentos xa están funcionando en fase de probas os novos sistemas de tratamento implantados coas obras de mellora da depuradora dos Praceres, nas que a Xunta investiu 16,5 M€ e que se complementan co emisario submarino en execución

A mellora da depuradora e a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado pola Xunta e dialogado cos concellos e cos mariscadores da ría, que prevé un investimento global de 47 M€
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

A chegada esta mañá a Pontevedra da tuneladora, procedente de Alemaña, permite seguir avanzando nos traballos e entrar nunha nova fase das obras en execución do novo emisario submarino dos Praceres.

As vindeiras xornadas dedicaranse á montaxe das pezas desta máquina de grandes dimensións, que será sometida a continuación a diferentes probas e autorizacións co obxectivo de comezar a funcionar a principios de abril.

A Xunta, que comezou en xuño do pasado ano as obras deste emisario, cun investimento de 12 M€ e de xeito compatible coa actividade extractiva, segue a avanzar a bo ritmo os traballos, mantendo o obxectivo de rematar as obras a finais deste ano 2022.
As actuacións que se están a levar a cabo divídese en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo, e do emisario, de máis de 3,5 km de lonxitude.
Para seguir avanzando na execución das obras é preciso a utilización da tuneladora chegada hoxe. Ademais, empregarase a tecnoloxía innovadora “direct pipe”, que combina as vantaxes do microtúnel e da perforación dirixida, sendo un sistema pioneiro en España.

Neste momento está rematada xa a parte da obra de execución do pozo de ataque para a tuneladora e o escavado do pozo. Ademais, están realizados os traballos topográficos que marcan de xeito preciso o percorrido e as coordenadas exactas por onde traballará a tuneladora chegada hoxe desde Alemaña.

A perforación do túnel do tramo terrestre do emisario realizarase con esta tuneladora que comezará a escavar desde ese pozo e terminará saíndo polo fondo mariño no punto onde se iniciará o tramo submarino da tubaxe.

O novo emisario

A construción do novo emisario submarino ten como obxectivo separar os vertidos industriais e os residuais e que conte coas dimensións axeitadas ás necesidades actuais e futuras; sendo deseño para dar servizo a unha poboación aproximada de 141.204 habitantes para o ano horizonte 2042.

O proxecto incorporou varias modificacións co fin de dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública, o que supuxo un incremento duns 2 M€ no orzamento inicial.

Neste sentido, modificouse a localización da cámara de carga e da estación de bombeo a fin de reducir o seu impacto visual, deixando libre a fachada litoral. Tamén se incrementou a lonxitude do tramo inicial no túnel do emisario de cara a non afectar aos bancos marisqueiros a pé dos Praceres, sen que esta medida implique un incremento do volume de escavación.

O novo emisario estará preparado para actuar e tratar as augas residuais en caso de fallo da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, estando xa funcionando en fase de probas os novos sistemas de tratamento no marco do contrato das obras de mellora executadas pola Xunta, tras un investimento autonómico de 16,5 M€.

Esta reforma tecnolóxica executada na depuradora dos Praceres permitirá mellorar a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio e Pontevedra, e dar cumprimento os límites de vertido marcados pola directiva europea.

Tanto a mellora da depuradora como a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado pola Xunta tras unha exhaustiva análise do actual sistema que foi dialogado cos concellos e cos mariscadores da ría e que prevé un investimento total da Administración autonómica de preto de 47 millóns de euros.

As intervencións de saneamento da ría de Pontevedra están financiadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
 

Imaxes relacionadas