Ethel Vázquez avanza que o Consello da Xunta aprobará mañá o proxecto de Lei mellora da xestión do ciclo integral da auga, que redundará na protección da saúde ambiental das rías

Vázquez Mourelle subliña que esta Lei suporá a profesionalización da xestión dos servizos, camiño necesario para optimizar a calidade das masas de auga das rías

Lamenta a negativa dalgunhas deputacións a sumarse a esta iniciativa de apoio aos concellos e lembra que conforme a Lei que regula a administración local teñen o deber auxilio aos municipios de menos de 20.000 habitantes

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que o Consello da Xunta aprobará mañá o proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que redundará na protección da saúde ambiental das rías.

Subliñou que esta Lei suporá a profesionalización da xestión do ciclo da auga que é, dixo, o único camiño para optimizar a calidade das masas de auga das rías galegas.

Apelou a sumar esforzos a prol da xestión dos recursos hídricos, xa que se trata dun traballo de todos, pero puntualizou que ante a resistencia dalgunhas Deputacións a sumarse a esta iniciativa da Xunta, a súa participación deixará de ser un requisito obrigado.

Non obstante, Ethel Vázquez fixo fincapé en que as Deputacións Provinciais deberían ter presente e cumprir a encomenda de auxilio que lles impón a Lei reguladora das administracións locais no caso dos municipios de menos de 20.000 habitantes.

Deste xeito, e ante a negativa de participación dalgunhas administracións provinciais, a lei ofrecerá unha maior flexibilidade para o financiamento das actuacións necesarias para facilitar a posibilidade de chegar a acordos. Así, naqueles concellos que lle encomenden a xestión dos seus servizos da auga á Xunta e sexa necesario facer obras, o Goberno galego asumirá un terzo do custo, outro terzo corresponderalle á Administración local e para o terzo restante o Concello terá liberdade para buscar financiamento noutras entidades.

Redución dos vertidos contaminantes ás rías


A conselleira lembrou que o Goberno galego leva mobilizados máis de 1.100 M€ desde 2009 para dotar aos municipios das infraestruturas hidráulicas que permitan mellorar a calidade das augas.

Detallou que a metade dese investimento se concentrou en mellorar o saneamento das aglomeracións situadas no entorno das rías, contribuíndo a que o 90% das contornas urbanas cumpran a directiva europea sobre depuración e o 76% das masas das rías se atopen en bo estado.

Puxo en valor o Plan de Control de Vertidos, que en 10 anos permitiu reducir do 40% ao 15% os puntos de vertido clasificados como contaminantes. De xeito máis concreto, sinalou que Augas de Galicia subsanou 573 dos máis de 1.600 vertidos inventariados.

Apuntou que na última década o número de vertidos considerados contaminantes se reduciu case á metade, pasando dos 550 de 2010 a 263 en 2021. Así, estes focos pasaron de supoñer o 40% no ano 2010 ao 27% no 2015 e ao 15% no 2021.

O traballo da Xunta posibilitou que entre 2010 e 2021 se recuperaran máis de 14,3 millóns de metros cadrados de superficie para o marisqueo, mellorando as condicións en 33 zonas de produción de moluscos bivalvos. Por conseguinte, as zonas A pasaran de representar o 3,1 do total en 2009 a supoñer o 16% a día de hoxe.

Apoio aos Concellos


Remarcou que a pesar de que os servizos de saneamento e depuración, así como o control de vertidos, son competencias directas dos Concellos, o Goberno galego lles vén prestando apoio, consciente das dificultades técnicas e económicas destas responsabilidades.

Lembrou que a Xunta desenvolveu nos últimos anos 14 Plans de saneamento local das rías galegas, nos que se identificaron os problemas e se planificaron obras e investimentos para atallalos.

A este respecto, referiu máis de 500 M€ investidos na mellora do saneamento das rías e indicou que nos Orzamentos deste ano, dos máis de 100 M€ destinados a apoiar aos concellos nas súas competencias, reserváronse 40,5 M€ para seguir afondando no saneamento das rías.

Puxo como exemplo as obras de mellora do saneamento municipal de Vilagarcía de Arousa, e tamén a ampliación da depuradora, actuacións nas que a Xunta investirá 33 M€ e que permitirán reducir nun 97% os vertidos deste concello á ría.

Tamén recordou que o Goberno galego vai dedicar 8 M€ a ampliar case un 50% a capacidade da depuradora de Viveiro e a mellorar o saneamento de Celeiro, e 12 M€ para a nova depuradora e os colectores de Foz.

No esteiro do Eume, en Cabanas e Pontedeume, a Xunta tamén está a mellorar o saneamento cun investimento global en varias fases e proxectos que superan os 9 M€; e en Rianxo, avanza a optimización da depuración, cun orzamento de 14 M€.

Imaxes relacionadas