A Xunta licita 2 sistemas innovadores para mellorar a xestión da auga e aumentar a resiliencia ante o cambio climático mediante as novas tecnoloxías, cun investimento de 5,7 M€

Trátase de solucións tecnolóxicas para avanzar na xestión de datos e na capacidade para predicir as inundacións ou a seca, garantindo así a protección do medio ambiente e da poboación

O primeiro contrato inclúe unha solución tecnolóxica que ampliará o coñecemento das concas hidrográficas a partir da xestión de datos como as predicións de precipitacións, de temperaturas ou as análises da calidade das masas de auga

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

A Xunta vén de licitar dous sistemas innovadores para mellorar a xestión da auga e aumentar a resiliencia ante o cambio climático mediante as novas tecnoloxías, cun investimento de 5,7 millóns de euros.

O prazo de presentación de ofertas, para aquelas empresas que estean interesadas nalgún destes dous contratos, estará aberto ata o vindeiro 19 de abril.

O primeiro contrato ten como obxectivo acadar o desenvolvemento e a implantación dunha infraestrutura tecnolóxica integrada para recompilar e interpretar datos que permitan explotar toda a información procedente de distintas fontes. Este contrato suma un importe de máis de 2,7 millóns de euros e conta cun prazo de execución de 12 meses.

A solución tecnolóxica proposta permitirá ampliar o coñecemento das concas hidrográficas mediante a xestión de diversos datos como as predicións de precipitacións, de temperaturas, os resultados de análises de calidade das augas ou as medicións dos sensores dispostos no sistema de Augas de Galicia.

O programa tamén permitirá procesar os datos dispoñibles, aplicando técnicas estatísticas e de intelixencia artificial para modelar escenarios futuros ou desenvolver aplicacións para dar resposta a problemas concretos.

Por outra parte, o segundo contrato está dirixido ao desenvolvemento e á implantación dun sistema avanzado para a adaptación ao cambio climático, que integre as principais variables relacionadas coa preparación e resposta fronte a inundacións e secas e coa xestión de recursos hídricos. Este programa licítase por un importe de preto de 3 millóns de euros e conta cun prazo de execución de 12 meses.

O sistema para aumentar a resiliencia fronte a eventos extremos e promover a adaptación ao cambio climático permitirá a Augas de Galicia anticipar e adaptar a xestión dos recursos hídricos ao cambio climático, á inundación e á seca.

Trátase de mellorar a capacidade de predición de eventos de seca prolongada e de escaseza conxuntural, máis alá da predición meteorolóxica existente, ampliando o marco preditivo. Tamén se abordará no marco do contrato a sensorización innovadora de concas hidrográficas e a monitoraxe remota automática de encoros.

Innovaugas 4.0

Estes proxectos enmárcanse nos retos de Innovaugas 4.0, unha iniciativa promovida pola Xunta para acadar solucións novas para a xestión integrada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga.

Estes proxectos están en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 e conta cunha axuda de fondos europeos de 4,2 millóns de euros, sendo cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación, con 700.000 euros, e por Augas de Galicia, con 2,1 millóns de euros.

Imaxes relacionadas