A Xunta destaca que a mocidade está cada vez máis concienciada co prezo da luz e coa importancia de acender o botón de aforrar

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou en Santiago de Compostela na entrega dos premios do concurso sobre a tarifa eléctrica organizados polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC)

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

O vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde, salientou hoxe que a mocidade galega está cada vez máis concienciada co prezo da luz e coa importancia de acender o botón de aforrar. Conde destacou que, nun momento no que o mercado enerxético está tan tensionado, é moi positivo que saiban como repercute no seu día a día e na economía das súas familias.

O responsable de Economía, Empresa e Innovación participou na librería Follas Novas de Santiago de Compostela na entrega dos galardóns a catro das alumnas gañadoras no certame sobre a factura da luz para escolares organizado polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), no cal se premiou a 25 rapaces e rapazas de 4º da ESO de toda Galicia con vales de 100 euros para mercar na librería da súa elección.

A iniciativa, desenvolta en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, incluía unha xornada formativa nos centros que voluntariamente quixeron participar, así como unha actividade de análise da factura da luz da súa casa e realización de consellos en relación á mesma. Na comarca de Santiago resultaron gañadores os traballos presentados por Carla Beiro Alamancas, Elsa Golmar Varela, Jimena Suárez Ladero, Laura de la Fuente Salgado e María Vázquez Iglesias, do IES de Cacheiras (Teo).

No acto, que forma parte das actividades organizadas para conmemorar o Día das Persoas Consumidoras, que se celebra o 15 de marzo, destacouse a importancia de formar a persoas consumidoras responsables e polo tanto informadas, conscientes, críticas e solidarias, subliñando o papel que xogan os centros de ensino e que cada vez existe entre os máis novos unha maior conciencia social en favor da eficiencia enerxética e das enerxías verdes.
 

Imaxes relacionadas