Fernández-Tapias celebra que o concello de Vigo aprobe a urbanización da primeira fase de San Paio de Navia case un ano despois de recibir o proxecto

A delegada territorial da Xunta na cidade subliña que con esta decisión se desbloquea un proxecto clave desde o punto de vista residencial e lembra que o Executivo municipal aínda ten que pronunciarse sobre os polígonos 2 e 3

Vigo, 9 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia celebra o anuncio do Concello de Vigo de que acaba de aprobar inicialmente o proxecto de urbanización do polígono 1 da ampliación de San Paio de Navia, que permitirá desenvolver a primeira das fases nas que se divide esta gran bolsa de solo residencial case un ano despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitira o proxecto ao Goberno municipal.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, salientou que se trata “dunha boa noticia para Vigo e os seus veciños” xa que supón “desbloquear na práctica a primeira parte dun proxecto clave para a cidade”, que concentra a maior demanda de vivenda de toda Galicia.

Por este motivo, lamentou que o Goberno galego tivera que coñecer a aprobación “a través dos medios de comunicación” e non recibira ningunha notificación por parte da Xerencia de Urbanismo.

A partir de agora, o Concello de Vigo aínda terá que someter a información pública o proxecto do polígono 1 durante o prazo dun mes, como mínimo, antes de proceder á súa aprobación definitiva. Así mesmo, cómpre lembrar que precisamente este mes a Xunta licitará, por un orzamento de 11 millóns de euros, as obras de urbanización deste ámbito.

Máis de 700 vivendas protexidas

Dentro do polígono 1 de San Paio de Navia está prevista a construción de 733 vivendas protexidas: 207 vivendas de promoción pública —79 coa redacción do proxecto xa licitada—, 195 de permutas de solo e 331 que construirán cooperativas e promotores, principalmente destinadas a alugueiro social.

Neste sentido, Fernández-Tapias considerou que a aprobación inicial do proxecto por parte do Goberno local tamén é unha boa noticia para estas entidades, que “ao fin” poderán presentarse ao concurso para a adxudicación de 98 parcelas dentro deste ámbito que convocará proximamente o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Ante a transcendencia do proxecto para a cidade de Vigo, asegurou que “a Xunta actuou sempre coa máxima celeridade” co obxectivo de tratar de acurtar os tempos de tramitación e iniciar o desenvolvemento do ámbito o antes posible. “Unha actitude que, lamentablemente, botamos en falla por parte do Goberno de Vigo, ao igual que noutras ocasións”, declarou.

A modo de exemplo, a delegada indicou que o IGVS presentou entre abril e maio do ano pasado os proxectos de urbanización das tres fases nas que se divide a ampliación. Pero desde entón, segundo dixo, o organismo autonómico e mais o equipo redactor tiveron que “revisar, recalcular e adaptar” esas versións orixinais ao “goteo constante” de cambios solicitados polo Concello, “incluso máis alá das esixencias legalmente establecidas”, provocando unha dilatación de todo o proceso e tamén “un aumento dos custos” inicialmente estimados polo Goberno galego.

“En menos dun ano a Xunta tivo que responder ata tres veces aos sucesivos informes e observacións recibidos por parte de diferentes departamentos municipais e das empresas subministradoras de servizos sen que o Concello de Vigo fora capaz de emitir un único documento con todos os seus requirimentos aos tres proxectos de Navia”, lamentou.

En todo caso, lembrou que a día de hoxe o Concello aínda ten que pronunciarse sobre os proxectos de urbanización dos polígonos 2 e 3, remitidos polo Goberno galego o ano pasado —neste caso, no mes de maio— e dos que tamén se enviou unha nova versión adaptada aos requirimentos e consideracións municipais o pasado 22 de febreiro. Unha vez aprobados, ambos proxectos deberán someterse tamén a información pública.

O ámbito da ampliación de San Paio de Navia abrangue unha superficie de 265.000 metros cadrados e no mesmo se prevé un investimento público-privado de 250 millóns de euros co fin de habilitar un total de 1.600 novas vivendas.