A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade a prol do concello de Rois dunha superficie de máis de 4.100 m2 no dominio público adxacente á AC-301

Trátase dunha franxa de terreo situada na marxe dereita da estrada autonómica que comunica Padrón e Augasantas, entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+560

O Concello asume a titularidade do dominio público deste treito e terá a responsabilidade da súa conservación e mantemento
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a transferencia a prol do Concello de Rois dunha superficie de 4.107,78 m2 da zona de dominio público adxacente ao treito da estrada AC-301, na súa marxe dereita, entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+560.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 24 de febreiro: https://bit.ly/374L4wI

O Concello de Rois solicitou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a transferencia de titularidade do citado terreo nesta estrada AC-301, que comunica Padrón e Augasantas.

A petición recibe os informes preceptivos da Axencia Galega de Infraestruturas, confirmando a non afectación da franxa de terreo solicitada á explanada do tronco da estrada autonómica AC-301, que seguirá sendo de titularidade autonómica.

Esta transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade o Concello de Rois terá a competencia para actuar na franxa de dominio público adxacente ao citado treito da AC-301 e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, polo tanto, desde mañá.