A Xunta recoñece o papel das mulleres na sanidade pública galega

As mulleres representan preto do 80% do persoal do Servizo Galego de Saúde, o que as converte no motor da sanidade pública de Galicia
 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022

No día de hoxe, coincidindo co Día internacional da muller, a Administración sanitaria amosa novamente o seu compromiso a prol da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nunha organización na que as mulleres representan preto do 80% do persoal do Servizo Galego de Saúde, o que as converte no motor da sanidade pública de Galicia.

Segundo datos do ano 2021, as mulleres conforman o 59% do persoal facultativo, o 91% do resto do persoal sanitario e o 68% do persoal de xestión e servizos. Case o 30% destas traballadoras teñen menos de 40 anos e o 56% delas sitúanse na franxa de 41 a 60 anos.

En canto as retribucións no Servizo Galego de Saúde, a fenda salarial na organización é menor que á do conxunto da poboación española traballadora. As retribucións fixas non amosan diferencias salariais segundo o sexo. As diferencias son da situación do empregado ou empregada: se teñen un grao consolidado de carreira profesional, a antigüidade, a atención continuada, noites e gardas realizadas.

Neste día é clave poñer en valor a feminización das profesións sanitarias, un proceso que nas dúas últimas décadas amósase de feito incuestionable.

A crise xerada pola pandemia da COVID-19 leva situando aos sectores relacionados cos coidados ás persoas no centro da mesma e ás mulleres na primeira liña de resposta á esta enfermidade, sendo sectores esenciais nas nosas vidas nos momentos de maior vulnerabilidade. Así, e aínda que a crise xerada polo COVID-19 repercutiu negativamente na contratación laboral en España, afectando especialmente as mulleres, case a metade do emprego feminino xerado en 2020 produciuse en actividades sanitarias.

Desde hai moito tempo, e especialmente nestes últimos dous anos, as mulleres veñen desempeñando un papel extraordinario como traballadoras nos ámbitos sanitario, de servizos sociais, ciencia ou investigación, entre outros, asumindo ao tempo os coidados no ámbito máis privado.

Na liña impulsada neste ano pola Xunta de Galicia, baixo o lema “A igualdade está nas nosas mans”, queremos incorporar a perspectiva de xénero nas políticas de recursos humanos como unha prioridade da nosa organización, tal e como se reflicte no “I Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes no Servizo Galego de Saúde (Período 2021-2024)”, no que se recolle o firme compromiso de avanzar cara á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como principio básico e transversal, particularmente no que respecta ás traballadoras no Servizo Galego de Saúde.

Deste xeito, continuaremos impulsando a implantación das 59 medidas de actuación incluídas neste Plan coa intención de acadar a igualdade de xénero desexada, o que contribuirá a crear unha cultura organizativa baseada nos principios da solidariedade, a igualdade e o respecto así como a mellorar o benestar do persoal, e en especial das mulleres que traballan na sanidade pública de Galicia.
 

Imaxes relacionadas