O Sergas aumenta o investimento farmacolóxico para pacientes, tanto en atención primaria como en hospitalaria

O investimento farmaceútico alcanzou en 2021 os 1.348 millóns de euros. O 42% corresponde a terapias hospitalarias e o 58% a receitas

O investimento hospitalario en produtos farmacolóxicos incrementouse un 8,8% respecto ao ano 2020, e destinouse maioritariamente a patoloxías oncolóxicas, alcanzando os 117 millóns de euros, o que supón o 29% do total
 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022.-

O investimento farmacéutico acadou en 2021 os 1.348 millóns de euros, o que supón o 29,37% do presuposto total da Consellería de Sanidade. Do importe total, o 42% corresponde a terapias hospitalarias e o 58% a receitas.

O investimento farmacéutico en receitas foi de 781,1 millóns, un 5,8% máis que en 2020, fronte ao 6,05% da media nacional, e supuxo o 58% do total. Neste sentido, a diabetes é a área terapéutica que consume máis gasto farmacéutico, o 22%, seguido dos hipolipemiantes/hipocolesterolemiantes e os tratamentos antihipertensivos.

Pola súa banda, o custo de medicamentos en atención hospitalaria incrementouse un 8,8% respecto ao ano anterior e foron, de novo as terapias oncolóxicas as que ocupan o maior investimento, un 29%, máis de 117 millóns, seguido das enfermidades inmunomediadas, as hematolóxicas e as enfermidades raras.

Sinalar que o uso de produtos farmacéuticos está fortemente influenciado pola idade da poboación atendida, e Galicia é a segunda comunidade con maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos. A porcentaxe de poboación maior de 65 anos é do 20% en España e en Galicia esa porcentaxe supón o 26%.

Destacar, así mesmo, que a achega que fai o usuario cando recolle un medicamento na oficina de farmacia tamén inflúe no gasto en receita do Sergas, e en Galicia o grupo de usuarios exentos de achega é máis numeroso que o da media nacional.
 

Imaxes relacionadas