A Xunta aborda coas federacións provinciais de comercio medidas conxuntas para reforzar o sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo hoxe un encontro con representantes destas asociacións de comerciantes no que os informou das convocatorias de axudas previstas para este ano

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo hoxe un encontro con representantes das federacións provinciais de comercio de Galicia, dentro do contacto permanente co sector que mantén a Xunta para coñecer de primeira man as súas propostas e abordar a actual situación económica.

No encontro, o director xeral de Comercio e Consumo trasladoulles información sobre as principais convocatorias de axudas específicas para o sector previstas para este ano, que se centrarán na dixitalización e a sostibilidade do comercio de proximidade, e que inclúen axudas ás asociacións de comerciantes pola súa importante labor de dinamización e apoio aos negocios locais.

Outro dos asuntos abordados na reunión foi o proxecto dun plan de formación de carácter autonómico, no que a colaboración da Federación Galega de Comercio conxuntamente coas federacións provinciais será fundamental para que a iniciativa teña implantación no territorio.

Manuel Heredia tamén salientou na xuntanza as posibilidades que achegarán para a transformación e modernización do sector os fondos europeos Next Generation.
 

Imaxes relacionadas