A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade sinala que as empresas interesadas nesta obra, que conta cun prazo de 18 meses, teñen ata este mércores para presentar as súas ofertas

Ethel Vázquez avanza un investimento da xunta de 2 M€ para a construción dunha nova depuradora e a mellora do saneamento na parroquia de Arca, no concello do Pino, que se iniciará no verán

Actuarase en cinco núcleos da parroquia de Arca: O Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón, que na actualidade contan con dúas fosas sépticas que funcionan deficientemente, provocando vertidos frecuentes ao medio

A depuradora situarase no lugar onde se atopa a fosa séptica da vertente leste, na contorna do rego do Burgo, e executarase unha estación de bombeo na zona oeste que descargará no colector existente

A depuradora estará dimensionada para 3.000 habitantes, co obxectivo de atender non só as necesidades dos veciños, senón tamén as derivadas do turismo asociado ao Camiño de Santiago

Unha vez executadas estas obras, a depuradora e o novo bombeo, demoleranse as 2 fosas sépticas existentes

Vázquez Mourelle remarca que a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga reforzará o apoio aos concellos e permitiralles encomendar a xestión dos seus sistemas á Xunta, garantindo servizos de calidade

O Pino (A Coruña), 8 de marzo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe un investimento da Xunta de 2 millóns de euros para a construción dunha nova depurado e a mellora do saneamento de varios núcleos da parroquia de Arca, no concello do Pino, que se iniciará no verán.

Vázquez Mourelle, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou hoxe no concello do Pino as actuacións proxectadas para mellorar o servizo de saneamento e depuración de 5 núcleos de poboación da parroquia de Arca, concretamente O Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón.

A conselleira explicou que se está a avanzar nos trámites administrativos para impulsar esta intervención, froito da colaboración entre Xunta e Concello, que conta cun prazo de execución de 18 meses: 12 para a execución das actuacións e 6 de posta en servizo, para confirmar o correcto funcionamento das novas instalacións.

Estas obras foron licitadas a finais de xaneiro e nestes momentos está aberto o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas, que rematará mañá, mércores, día 9 de marzo. A actuación é susceptible de financiamento europeo no marco do Eixo REACT UE do Programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Ethel Vázquez referiu que as obras queren dar solucións aos problemas actuais nestes núcleos da parroquia de Arca, que dispoñen dun sistema de depuración que consiste en dúas fosas sépticas que non funcionan adecuadamente, o que provoca vertidos frecuentes ao medio.

Concretou que para garantir aos veciños un sistema de depuración das augas residuais máis eficiente, construirase unha estación depuradora, no lugar onde se atopa a fosa séptica da vertente leste, na contorna fluvial do rego do Burgo. E, para levar as augas residuais desde a zona oeste ata esa nova depuradora, executarase tamén unha estación de bombeo coa súa impulsión, que descargará no colector por gravidade que xa hai actualmente, engadiu a conselleira.

Ethel Vázquez dixo que se construirá unha depuradora con capacidade para tratar as augas residuais dunha poboación de 3.000 habitantes. Así precisou, que a depuradora dará servizo a unha poboación fixa de 1.866 habitantes no ano horizonte 2044, pero estará dimensionada e preparada para 3.000 habitantes xa que, tal e como remarcou, O Pino é unha zona pola que pasan moitos peregrinos, moito turismo derivado do Camiño de Santiago Francés.

A depuradora estará dotada de pretratamento (pozo de grosos, aliviadoiro, desbaste de grosos, clasificador de areas e desnatador); tratamento biolóxico; decantación secundaria circular; desinfección mediante UV; e arqueta de toma de mostras. Executarase tamén o novo bombeo, equipado con dúas bombas, e a impulsión, cunha lonxitude de 640 metros, ademais do acondicionamento do colector da marxe do rego do Burgo, con máis de 1.200 metros.

Unha vez executadas estas obras, a depuradora e o novo bombeo, demoleranse as 2 fosas sépticas existentes.

Ethel Vázquez fixo fincapé en como esta actuación segue a liña do departamento que preside de apoio e acompañamento aos concellos, conscientes das dificultades técnicas e financeiras que os municipios máis pequenos teñen para impulsar este tipo de infraestruturas, que son custosas. Máis se cabe cando se trata de concellos rurais como o do Pino, con núcleos e poboación moi dispersa, o que supón un sobreesforzo e complica a prestación axeitada dos servizos da auga, subliñou.

Nesta liña, a conselleira salientou que este apoio redobrarase coa nova Lei do ciclo integral da auga que está en tramitación, e da que puxo en valor o seu uso como ferramenta útil e eficaz coa que os municipios poderán tamén encomendar a xestión á Xunta dos seus sistemas, garantindo a prestación de servizos eficientes e profesionais da auga aos veciños e evitando os vertidos.

Imaxes relacionadas