O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, compareceu a petición propia para expoñer as liñas do modelo educativo de Galicia

Román Rodríguez anuncia un novo pulo á innovación no ensino coa creación de máis de 200 polos creativos e un centro específico para impulsar o avance neste eido

Consolídase o fomento do plurilingüismo, con máis de 100.000 alumnos beneficiados

Reforzaranse as bibliotecas escolares galegas como referentes en todo o Estado a través do novo Plan Lectura, Información e Aprendizaxe e a inclusión

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para expoñer as liñas do modelo educativo da nosa comunidade que, tal e como explicou, está a piques de experimentar un novo pulo no referido á innovación e a transformación dixital. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta anunciou que o seu departamento está a ultimar a orde para a crear máis de 200 Polos Creativos en centros educativos de Galicia.

“Esta iniciativa é a evolución dos Espazos Maker implantados inicialmente como experiencia piloto en 20 centros –explicou o conselleiro–, e concibe os polos como espazos físicos de co-creación desde unha perspectiva de competencia STEM, de solución de problemas reais, pensamento de deseño e habilidades”.

Román Rodríguez sinalou esta acción como unha das contempladas na Estratexia de Educación Dixital 2030, a folla de ruta para o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital. Partindo dunha realidade na que Galicia é a terceira CCAA con mellor media de alumnos por ordenador, a nova estratexia destinará 120M€ nos tres primeiros anos para acadar os devanditos obxectivos.

O conselleiro explicou que, dentro desta mesma estratexia “e da aposta da Xunta pola innovación educativa, temos moi avanzada a creación dun centro especializado no ensino dixital e na innovación e investigación educativa para dar un salto de calidade en ámbitos como a formación do profesorado, o deseño de estratexias docentes, ou a introdución de novas técnicas pedagóxicas.” O futuro Centro de Innovación Educativa e Dixital será o órgano encargado de identificar, diagnosticar e obter conclusións sobre a realidade educativa, posibilitando a súa transformación a través da investigación, da innovación e da transferencia dos resultados dos proxectos de I+D+i e da integración das tecnoloxías que incidan na mellora da calidade educativa.

Así mesmo, neste ámbito, hoxe mesmo publícase a nova convocatoria do E-Dixgal, que contará con novos contidos editoriais. Un total de 75 centros poderanse sumar a esta iniciativa, que constitúe o maior programa de educación dixital, con 55.000 alumnos en ensino básico (o 50% do total dos cursos nos que se implanta) e que permite a alumnado do ensino galego estudar con este sistema de libro dixital durante seis cursos consecutivos.

Por outra banda, a través do Plan EDU100, dotado con 134,6M€, o Goberno galego traballa para que o 100% das aulas de centros públicos de Primaria, ESO e Bacharelato sexan dixitais. Ademais, e xa no marco da nova estratexia de Formación Profesional, destinaranse 12M€ á dixitalización e innovación nos centros que imparten estas ensinanzas.

Consolidar liñas de éxito

Román Rodríguez destacou que o seu departamento está a actualizar e reforzar as liñas prioritarias e proxectos consolidados que levaron ao ensino galego a ser referente en resultados, sen diferenzas entre o eido rural e o urbano, en informes como o PISA e á redución do abandono educativo ata o mínimo histórico do 8,1% en 2021.

A este respecto, explicou que a Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2030, consolida o modelo iniciado no 2010, grazas ao que hoxe son xa máis de 100.000 alumnos os que contan cun ensino plurilingüe, nun total de 863 centros que desenvolven algunha das modalidades da estratexia.

Outra dos elementos de éxito do sistema educativo son as bibliotecas escolares, “que veñen actuando como aceleradores da innovación educativa e son unha referencia para outras CCAA”, sinalou o conselleiro”. “Na segunda quincena deste mes presentaremos os detalles do Plan Lectura, Información e Aprendizaxe (LÍA) 2025, que implica a actualización dos obxectivos e liñas prioritarias de actuación que garantan a presenza estable de bibliotecas escolares en todos os centros educativos galegos de nivel non universitario”, anunciou.

Inclusión e atención á diversidade

O responsable de Educación da Xunta salientou como un dos principais valores do ensino galego a súa equidade e o seu grao de inclusión. “Temos o ensino máis inclusivo de España –dixo–, co 93,6% do alumnado galego con necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios, fronte á media nacional do 83%.”

Neste ámbito, unha vez publicada a nova orde de desenvolvemento do Decreto de Atención á Diversidade, e co apoio da rede de preto de 4.000 profesionais que atenden este alumnado nos centros galegos, a Consellería continúa traballando para apoiar aos máis vulnerables. “Estamos a dar algúns pasos iniciais que nos permitan unha diagnose e un deseño de medias a incluír na futura Estratexia Galega de Inclusión e Atención á Diversidade”, destacou o conselleiro.

Fomento do benestar emocional

A convivencia e o benestar emocional son tamén retos nos que cómpre seguir avanzando. “A Consellería está traballar no deseño da nova Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, na que se recolle unha liña específica dirixida a paliar o acoso e ciberacoso, dentro da cal se enmarca o deseño do I Plan de loita contra o acoso escolar”, indicou Román Rodríguez. “De forma parella, revisarase e actualizarase o Protocolo de Acoso Escolar e Ciberacoso neste ano 2022”, engadiu.

Esta nova estratexia terá dous eixos vertebradores, un deles centrado na prevención das condutas contrarias á convivencia, outro no coidado do benestar emocional. Neste segundo eido, partindo do Plan de Benestar Emocional posto en marcha o pasado curso, tomaranse novas medidas de apoio e seguimento que minoren os efectos negativos provocados pola pandemia.

A este respecto, buscarase mellorar as competencias sociais e emocionais do alumnado, poranse a disposición da comunidade educativa estratexias de resolución de conflitos que favorezan a creación, mantemento e reparación de relacións e darase visibilidade ás boas prácticas en materia de condutas de convivencia positiva.

“Todo isto artellarase a través da creación de comisións provinciais interdepartamentais, que abordarán cunha perspectiva transversal e integral, aquelas problemáticas que excedan da capacidade resolutiva dos centros para axudar ás persoas afectadas cara a solución de cada problemática de convivencia”, afirmou o conselleiro.

Máis prazas en FP

Finalmente, o titular da Consellería de Educación explicou que a nova Estratexia FP Galicia 2030, dotada con 900M€ ata 2024, constitúe un novo tempo na aposta decisiva do Goberno galego por estas ensinanzas, e a través dela vaise impulsar as modalidades básica e dual, os dobres graos ou a especialización de centros.

“A FP en Galicia é unha prioridade estratéxica da política educativa e de formación do Goberno galego”, incidiu. “Conscientes do interese que suscitan as ensinanzas de FP en Galicia, que incrementaron a súa matrícula en máis do 70% desde 2009, estamos a traballar na nova oferta ordinaria para os ciclos medios e superiores en Galicia e estimamos que a oferta ordinaria para o curso 2022/23 contará con 1.093 prazas máis”, agregou.

Así mesmo, Román Rodríguez fixo fincapé en que o seu departamento están a afondar na mellora da formación para as persoas adultas.

Urxencia dos novos currículos

No referido aos desafíos a nivel estatal, o conselleiro urxiu ao Ministerio de Educación a publicación dos currículos de Secundaria e Bacharelato, fundamentais para o desenvolvemento da nova lei educativa

“En Galicia anticipámonos coa creación de grupos de traballo para desenvolver a parte autonómica e a día de hoxe temos os deberes feitos”, sinalou, explicando que os currículos galegos amplían e reforzan contidos en áreas clave como Matemáticas, Bioloxía, Xeoloxía, Tecnoloxía e Dixitalización.

“É imprescindible que o Ministerio publique, dunha vez por todas, os currículos que faltan, porque este retraso ten consecuencias tanto no administrativo como no traballo do sector editorial e, por suposto, na formación do profesorado e no alumnado”.

Román Rodríguez quixo tamén lembrar que desde a Xunta xa se pediu ao Ministerio acordar un novo modelo de formación dos futuros docentes, para o cal xa ofreceu á ministra o traballo desenvolvido polo Goberno galego e as tres universidades galegas, así como unha ABAU máis equitativa ou un procedemento para que os estudantes universitarios poidan convalidar competencias na FP.

Galicia, un modelo para o Estado

“O noso sistema educativo ten demostrado nos últimos anos que mellora progresivamente tanto en calidade como en equidade, e debemos defendelo e mantelo, sempre cumprindo o marco lexislativo”, aseverou o conselleiro, comprometendo un “esforzo prolongado para mellorar o ensino galego”

“O modelo educativo Galicia pode servir de referencia para o conxunto do Estado e, dende logo, desde o ensino galego podemos achegar ideas e propostas para consolidar o xa logrado e para seguir avanzando”, rematou.

Imaxes relacionadas