O presidente da Xunta enviou onte unha carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez

Feijóo pide que a Conferencia de Presidentes aborde a aprobación dun Plan de acollida aos refuxiados de Ucraína

Subliña a necesidade de coordinar os esforzos de todas as Administracións e canalizar a corrente de solidariedade existente

Recorda que Acnur cifra xa en millón e medio os ucraínos que tiveron que abandonar o seu país nos últimos días

Galicia ofrece máis dun milleiro de prazas de acollida e preto de cincocentas camas hospitalarias para a poboación ucraína con necesidades de atención sanitaria

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enviou onte unha carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para solicitarlle que na Conferencia de Presidentes que se celebrará o vindeiro domingo en La Palma se aborde a aprobación dun Plan español de acollida para persoas refuxiadas procedentes de Ucraína, elaborado en coordinación entre o Goberno central e as CC.AA. e que conte tamén coa aportación das entidades locais.

Feijóo recordou que, segundo datos de Acnur, son xa millón e medio os ucraínos que tiveron que abandonar o seu país nos últimos días a causa da invasión rusa e, ante a situación dramática que se está a vivir, subliñou que os poderes públicos deben poñerse á fronte da corrente de solidariedade que emana dos españois, ordenala e canalizala de xeito adecuado.

“As Comunidades Autónomas, os municipios e as entidades sociais temos respondido á chamada do Goberno central e posto a total disposición os recursos de acollida cos que contamos”, indica o presidente galego na súa misiva, na que manifesta a súa preocupación pola evolución da guerra e as súas consecuencias e avoga por unha resposta áxil para atender as persoas refuxiadas, “unificada e urxente”, que se pode aprobar na vindeira Conferencia de Presidentes.

Ao respecto desta reunión, tamén lembra que o pasado mes de novembro xa tiña solicitado ao presidente do Goberno que se incluísen na orde do día asuntos como a crise enerxética, a ruptura da cadea de subministros ou a inflación, cuxos efectos notan cada día máis os fogares españois. Unha situación que, lonxe de solucionarse, se ten agravado aínda máis a consecuencia da guerra.

Solidariedade das CC.AA. e de Galicia

A solidariedade está a ser, sen dúbida, unha das características máis relevantes da todas as comunidades autónomas na actual crise provocada polo conflito bélico en Ucraína. E no caso de Galicia, unha vez máis, as mostras de solidariedade non deixan de ser constantes, ata o punto de que, neste intre, é unha das CC.AA. que máis prazas está ofrecendo para a acollida de persoas refuxiadas deste país, superando o milleiro entre as habilitadas entre a Xunta, concellos galegos e entidades sociais. A estas prazas súmase o ofrecemento de preto de cincocentas camas en hospitais nas sete áreas sanitarias galegas para acoller a aquela poboación de Ucraína con necesidades de atención sanitaria.

Ademais, coa finalidade de coordinar a resposta dende Galicia, a Xunta convocou onte mesmo unha reunión de urxencia, na que participaron distintos axentes de cooperación con presenza en Galicia e traballo na zona do conflito. Como actuación inicial propúxose trasladarlle á poboación que prioricen as doazóns en efectivo fronte as axudas en especie polos problemas de loxística. De igual xeito, a Xunta puxo en marcha os instrumentos de financiamento de axuda humanitaria dos que dispón tanto a través da activación de dous convenios de colaboración asinados con entidades expertas na atención deste tipo de crises como Farmacéuticos Mundi e UNICEF, así como do convenio asinado coa cooperación descentralizada e a Axencia Española de Cooperación Internacional.

Imaxes relacionadas