Arias celebra que o IES de Foz recupere os campionatos baristas, que “figuran entre os máis recoñecidos do panorama nacional”

Logo das actividades virtuais do pasado ano, o instituto volverá a reunir a alumnos de Escolas de Hostalería e profesionais os días 10 e 11 de febreiro

Foz (Lugo), 7 de marzo de 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe no IES de Foz na presentación dos campionatos baristas que, segundo afirmou, “figuran entre os máis recoñecidos do panorama nacional”. Arias celebrou que se poidan recuperar como signo de que “as medidas contra a pandemia están dando o seu froito”.

Así, logo das actividades online coas que o centro quixo manter vivos os certames o ano pasado, Foz volverá a reunir a alumnos de escolas de hostalería e profesionais os vindeiros días 10 e 11 de marzo cun formato adaptado á situación sanitaria actual. Tivéronse en conta os protocolos educativos e reducíronse os días e as modalidades de competición así como os aforos, sen permitir o acceso de público alleo ao centro, para garantir a seguridade dos participantes e asistentes.

Durante as dúas xornadas disputarase o XIV Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o xoves celebrarase o IX Campionato Internacional de Cata de Cafés de Escolas de Hostalería; este ano concorren estudantes de 12 centros educativos de Galicia, Asturias, País Vasco e Castela-León. Pola súa banda, o venres terá lugar a segunda edición do Campionato Internacional de Cata de Cafés de profesionais.

Acompañado polo director do IES, Nicolás Asensio, entre outros, Arias gabou “o excelente traballo de organización que realiza o centro e a repercusión que ten para Foz e para o conxunto da Mariña un evento como este, que atrae a participantes de distintas procedencias”.

Ademais, sinalou, “os certames de Foz dan visibilidade á calidade da Formación Profesional que se imparte en Galicia”. Ao respecto, puxo de relevo que a furgoneta gastronómica utilizada hoxe na presentación foi reformada en colaboración co CIFP Porta da Auga de Ribadeo. “A FP galega está permanentemente materializando proxectos con aplicación práctica no mundo empresarial, mesmo con accións conxuntas como esta”, apuntou o delegado.

Na mesma liña, considerou especialmente necesaria “a formación de profesionais no sector da restauración e a hostalería como piares fundamentais dunha oferta turística de calidade”.

Arias afirmou que o Goberno galego segue apostando por este tipo de ensinanzas grazas á nova Estratexia Galega de FP, que prevé investir 900M€ ata 2024 para consolidar a Rede de Centros Integrados de FP e para avanzar na adaptación ás demandas do tecido produtivo e na colaboración co tecido empresarial. Tamén se impulsará a innovación e a dixitalización, a FP Dual e a acreditación de competencias, entre outros aspectos.

 

Imaxes relacionadas