O conselleiro do Medio Rural participou hoxe de forma telemática na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural presidida polo ministro Luis Planas

Galicia demanda ao Goberno central a convocatoria urxente dunha conferencia sectorial extraordinaria sobre as consecuencias no agro da invasión rusa de Ucraína

A Xunta insta ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a que conte coas comunidades autónomas á hora de planificar a adopción de medidas para atallar a crise

José González advertiu sobre as previsións de incremento dos custos de produción, que veñen sumarse ás dificultades polas que xa atravesan sectores de gran importancia en Galicia, caso do gandeiro

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022

Galicia demanda ao Estado que convoque á maior brevidade posible unha Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural extraordinaria para abordar as consecuencias da invasión rusa de Ucraína no agro español en particular e nos sectores primarios en xeral. O conselleiro do Medio Rural, José González, trasladou esta petición hoxe durante a súa participación, de forma telemática, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid e que estivo presidida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.

Neste sentido, González chamou a facer unha reflexión sobre a gravidade deste asunto e arredor da necesidade de contar coas comunidades autónomas á hora de planificar a adopción de medidas para atallar a crise. Fixo especial fincapé nas previsións que apuntan cara un importante incremento dos custos de produción. Cómpre ter en conta que Ucraína é un dos principais exportadores de trigo, millo, xirasol, fariña e aceite de xirasol, polo que a paralización das súas vendas ao exterior impactou nas cotizacións internacionais de materias primas destinadas á alimentación animal.

Importacións desde Ucraína

Ademais, anualmente España importa de Ucraína unha media de 2,7 millóns de toneladas de millo, o que representa o 22% das importacións españolas deste cereal, sendo este país do leste de Europa o segundo provedor nacional, despois de Brasil. Tamén importa 233.000 de toneladas de torta de xirasol, que supoñen o 68% das compras que España realiza deste produto, así como aproximadamente 500.000 toneladas de aceite de xirasol.

Tendo estes antecedentes xa comunicados ao ministro, a recente invasión rusa de Ucraína vai poñer ao sector agroalimentario en xeral contra as cordas e levalo a unha situación que pode tornarse dramática, motivo polo que se reclama, con carácter de urxencia, a convocatoria extraordinaria desta Conferencia sectorial. A solicitude ampárase no establecido pola normativa vixente, así como no regulamento interno da Conferencia Sectorial.

O conselleiro advertiu tamén que, máis alá das “tensións no abastecemento” apuntadas polo ministro, existe un risco evidente de aumento dos prezos das materias primas e dos insumos que precisa o sector para producir, polo que cómpre adoptar canto antes medidas paliativas. E nesta liña apuntou que as comunidades autónomas deben ter sidas en conta á hora de planificar unha adecuada resposta, no contexto nacional e comunitario, a esta preocupante situación.

Imaxes relacionadas