A Xunta resolve o concurso de ideas para a construción da nova sede do Imelga en Santiago

O xurado considerou que o arquitecto vigués Alfonso Carlos Penela presentou a mellor idea que servirá de base ao proxecto técnico, básico e de execución da obra

O proceso levouse a cabo no marco dun convenio asinado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) coa finalidade de obter un maior número de propostas para unha avaliación máis completa fomentando a participación do sector

Os orzamentos da Xunta reservan para este ano unha partida de 2,7M€ dunha contía total de 4,7M€ para a construción da sede central do Instituto de Medicina Legal de Galicia
 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia vén de resolver o concurso de ideas para a construción da nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia con sede en Santiago. Atendendo ao ditame do xurado que resolveu o concurso, acordouse que a mellor idea que servirá de base ao proxecto técnico, básico e de execución da obra foi a presentada polo arquitecto vigués Alfonso Carlos Penela.
No concurso, detrás da proposta de Penela, resultaron seleccionadas as ideas presentadas pola UTE formada por Díaz y Díaz Arquitectos, Rubén Aldaba Vizcay e Luis Orbaiceta de Navascués, así como as de Ignacio Senra Fernández Miranda. Establecéronse, ademais, tres accésits que recaeron, por esta orde, en Besada y Failde BMJ Arquitectos; Arrokabe Arquitectos, SLP e Creus e Carrasco Arquitectos, SLP.
A proposta gañadora recibirá un premio de 15.000 euros. Os segundos e terceiros, así como os tres accésits, repartiranse unha contía de 40.000 euros. Ademais do premio, o gañador encargarase de redactar o proxecto definitivo e a dirección de obra, cun investimento máximo previsto de 268.400 euros polos seus honorarios.

Aos candidatos pedíuselles que a proposta técnica incluíse unha memoria de solución proposta na que se baseará a construción detallando aspectos relacionados co deseño, a calidade dos materiais empregados, a integración e a innovación e a estimación do custo de edificación e das probas técnicas previas á redacción do proxecto.

En canto ao programa de necesidades a desenvolver, os pregos do concurso recollen que no deseño deberanse priorizar a funcionalidade e accesibilidade das instalacións, o aproveitamento da iluminación natural con zonas diáfanas, a flexibilidade e versatilidade da idea para poder levar a cabo as modificacións futuras debido aos cambios organizativos que poidan xurdir, ademais dun sistema de arquivo eficiente.
O concurso de ideas para a construción da nova sede do Imelga desenvolveuse no marco dun convenio asinado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) coa finalidade de obter un maior número de propostas para unha avaliación máis completa fomentando a participación do sector.
O concurso estableceuse con carácter previo á licitación do procedemento para a redacción do proxecto no que se baseará unha obra coa que a Xunta dá resposta a unha demanda histórica coa construción dun edificio que será, por unha banda, sede da dirección do Instituto en toda a comunidade, e tamén sede da Subdirección de Santiago, unha das sete coas que conta nas sete cidades galegas.
O Goberno galego reservou nos orzamentos do 2022 unha partida de 2,7M€ dunha contía total de 4,7M€ para a construción da sede central do Imelga.