A Xunta e o CSIC avalían novas oportunidades no eido da investigación e a innovación para superar os retos actuais

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión esta mañá en Madrid coa presidenta do CSIC, Rosa María Menéndez, para analizar as iniciativas nas que están a colaborar de xeito conxunto

Madrid, 7 de marzo de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá en Madrid coa presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Rosa María Menéndez. No encontro avaliaron a colaboración institucional que veñen mantendo en diversos proxectos e que permite que a sociedade avance na superación dos retos actuais e, especialmente, en eidos como a investigación e a innovación. Neste sentido subliñou a cooperación estable que a Xunta e o CSIC veñen mantendo a través de convenios como o dos contratos programa ou o Oportunius.

Na reunión tamén se avaliou o impulso que suporá para o Cesga o novo supercomputador Finisterrae III, que incorpora un simulador de computación cuántica que é o primeiro da súa clase en España e que permitirá resolver 4000 billóns de operacións matemáticas por segundo. Unha característica clave para acurtar de modo significativo os tempos na obtención de resultados. Conta cun investimento de 7 millóns de euros a través de fondos Feder, da Xunta e do CSIC.

Galicia tamén colabora co CSIC e con outras catro comunidades autónomas no plan complementario da comunicación cuántica, que busca establecer sinerxías coas iniciativas clave europeas neste eido mediante a creación de infraestruturas punteiras.

Neste eido destaca o Polo de Tecnoloxías Cuánticas, cunha planificación de investimento de 154,4M€ ata 2025 se finalmente pode optar aos fondos europeos Next Generation, que contará cun nodo no Cesga e aspira a converter Galicia nun referente neste tipo de tecnoloxías que pretenden situar o tecido investigador, tecnolóxico e produtivo na vangarda e facilitar unha mellor recuperación no marco do contexto económico actual.

Imaxes relacionadas