A Xunta achega ás pemes en Baleira instrumentos de apoio para potenciar a súa competitividade e crecemento

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe no concello lucense na primeira etapa da iniciativa Camiño de futuro, dentro da cal se celebrarán un total de 14 encontros para difundir os instrumentos de apoio ás empresas galegas, así como achegar casos de éxito empresarial

Achegouse información sobre os diferentes programas de axudas que as empresas teñen ao seu dispór

Baleira (Lugo), 7 de marzo de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe no concello lucense de Baleira na primeira etapa da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a aumentar a súa competitividade e crecemento.

Patricia Argerey destacou na súa intervención que as pemes son unha prioridade para a Administración autonómica como motor da economía e que por iso se promove que as empresas que non innovan inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento.

Así mesmo, a directora da Axencia Galega de Innovación sinalou que actualmente as empresas galegas se enfrontan a retos globais que dificilmente se poden abordar sen innovación e a Administración está para acompañalas neste proceso. Para iso, a directora da Axencia apuntou que, no marco do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, puxéronse en marcha diferentes actuacións como liñas de axuda pensadas para empresas tradicionais que queren empezar a innovar, ademais de difundir a cultura de innovación para incrementar o número de pemes innovadoras, xerando contidos formativos e ferramentas para que as pemes poidan avaliar se están no momento de innovar e dando a coñecer casos de éxito de empresas innovadoras da contorna.

No encontro celebrado en Baleira técnicos de Gain e do Igape, así como dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) Asociación montes e vales orientais e Asociación para o desenvolvemento rural da comarca de Lugo, explicaron as diferentes convocatorias de axuda activadas pola Xunta.

Ademais, celebrouse unha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. En Baleira, a cita con compañías innovadoras reuniu ás empresas Bicos de Fío, tenda de moda; Comenza, especializada no desenvolvemento de sistemas de barandillas e pasamáns; e Maquinaria Agrícola Corbar, dedicada á maquinaria forestal e agrícola.

En total celebraranse catorce encontros de networking durante os meses de marzo e abril por toda a xeografía galega. As seguintes paradas -tamén na provincia de Lugo- serán o mércores 9 en Bóveda e o xoves 10 en Mondoñedo. A iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta coa colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar, os grupos de desenvolvemento rural (GDR) e grupos de acción local pesqueira (GALP), así como as confederacións de empresarios de Lugo e Ourense.

Camiño de futuro dá continuidade á iniciativa Camiño da Innovación, unha das primeiras actuacións do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ao longo dos meses de novembro e decembro pasados percorreu a través dun espazo itinerante un total de 18 localidades das catro provincias galegas, realizando máis de 240 asesoramentos a pemes galegas e asistindo máis de 550 persoas aos encontros.

Máis información e inscrición neste enlace.

Imaxes relacionadas