O conselleiro de Cultura visita o templo, no que o Goberno autonómico impulsa unha serie de actuacións para a súa conservación e para divulgar o seu papel histórico

Román Rodríguez anuncia o inicio dos traballos que reforzarán os usos museísticos da Catedral de Tui

Trátase da primeira das actuacións previstas neste templo ao abeiro do Plan Catedrais 2021-2027, cun investimento global de 9,4 millóns de euros

Darán comezo nos vindeiros días e inclúen a rehabilitación da edificación do Pazo Episcopal, incluíndo a instalación de postos de información, aseos e terrazas

Tui (Pontevedra), 7 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe a Catedral de Tui onde anunciou o inicio das primeiras actuacións previstas no Plan Catedrais 2021-2027, a folla de ruta que a Xunta ten en marcha nos grandes templos catedralicios para que afronten a década xacobea nas mellores condicións. En concreto, explicou que nos vindeiros días darán comezo as obras de mellora da accesibilidade, rehabilitación de cubertas do claustro e da edificación para os usos museísticos exteriores e interiores do Pazo Episcopal, incluíndo a instalación de postos de información, aseos exteriores e terrazas.

No acto, que contou coa presenza do bispo da diócese de Tui-Vigo, monseñor Luis Quinteiro Fiuza e no que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, o titular de Cultura da Xunta sinalou que se trata dunha primeira actuación clave que afianza os pasos dados neste templo para acreditar o seu valor singular. Contan cun investimento global de 675.460 euros e están asociados á iniciativa do 1,5% cultural do Ministerio de Transportes y Agenda Urbana. “A Xunta e Igrexa achegamos a contía que non é financiada polo Estado, posibilitando deste xeito a súa posta en marcha”, expresou.
É a primeira das actuacións previstas na basílica de Tui, onde a Xunta destinará 9,4 millóns de euros no marco do Plan Catedrais. “Trátase dunha folla de ruta estratéxica, que, ao igual que estamos a facer noutras catedrais galegas, permitiranos revalorizar, impulsar e divulgar o papel deste templo, que ten no seu pórtico unha das primeiras manifestacións do gótico da historia de Galicia”, engadiu Román Rodríguez.
Neste sentido, recordou que para a posta en marcha deste Plan, a Xunta tomou como punto de partida a restauración da Catedral de Santiago, que cualificou como un “éxito de todos”, polo que apelou á colaboración de todas as administracións implicadas para seguir sumando vontades á hora de revalorizar tamén o resto de templos.

Ademais dos traballos anunciados hoxe, o Plan Catedrais inclúe para os vindeiros anos outros traballos como a posta en marcha dun proxecto museográfico, a restauración do claustro e da fachada norte, a consolidación e restauración do Pórtico así como melloras na Capela de San Andrés e na sancristía, entre outras accións.

Máis de 60 actuacións en todos os templos

Todos estes traballos están incluídos na estratexia autonómica de mellora e conservación do patrimonio que garante a súa preservación para as xeracións futuras. En concreto, a Xunta incrementa un 23% o investimento este ano no patrimonio.

En total, o Plan Catedrais, dotado con 38M€, recolle mais de 60 actuacións para asegurar a debida salvagarda e recoñecemento das catedrais de Tui, Mondoñedo, Lugo e Ourense, da antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo en Foz e das concatedrais de San Xiao de Ferrol e de Santa María de Vigo.

Imaxes relacionadas