A Xunta e a Asociación de Actores e Actrices acordan colaborar na nova edición dos Premios María Casares

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Xosé Barato, reuníronse para acordar a colaboración entre as dúas entidades cara á organización dos XXVI Premios de Teatro María Casares. Como resultado da xuntanza, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achegará 35.000 euros para o desenvolvemento da gala de entrega destes galardóns, nunha edición especial por ser 2022 o ano no que se cumpre o centenario da actriz María Casares.

Na xuntanza, na que tamén participaron como representantes da asociación Toni Salgado e Alberto Blanco, púxose en común o calendario de desenvolvemento dos Premios, en fase de inscrición ata o 10 de marzo. Abrirase despois a primeira rolda de votacións, da que sairán as candidaturas finalistas ás catorce categorías convocadas. Os espectáculos e profesionais gañadores coñeceranse nunha cerimonia de entrega que terá lugar na primavera no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
 

Imaxes relacionadas