A Xunta distribuíu 16,7M€ en axudas para mellorar as explotacións agrogandeiras e incorporar a un centenar de mozos ao sector en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, lembrou que está aberto o prazo para solicitar novos apoios ao abeiro destes programas

As comarcas da Terra Chá e Lugo sumaron máis do 41% das achegas da última convocatoria, que se traducen en 7,8 millóns de euros de investimento
 

Vilalba (Lugo), 7 de marzo de 2022

A Consellería do Medio Rural distribuíu na provincia de Lugo 16,7 millóns de euros en achegas destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, ao desenvolvemento de pequenas explotacións e á creación de empresas por parte dun centenar de mozos e mozas que se incorporaron ao sector.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta vén de abrir unha nova convocatoria destes programas, que teñen unha gran repercusión no medio rural lucense.

Arias realizou estas declaracións nunha visita a unha explotación avícola de Vilalba rexentada por Alberto Carracedo, que recibiu axudas para o seu plan de mellora e para incorporación de mozos en anteriores convocatorias.

A última resolución destas medidas -indicou o delegado- deixou 535 axudas na provincia, 99 delas para mozos e mozas que se iniciaron na actividade agraria, 100 para a mellora de pequenas explotacións e 336 para investimentos orientados á modernización de instalacións e equipamentos.

A Terra Chá, unha das comarcas máis gandeiras de Galicia, é a principal beneficiaria, cun total de 114 expedientes de axudas e 4.355.700 euros de investimento; a continuación sitúase a comarca de Lugo, con 107 achegas e 3.476.400 euros. No sur de Lugo as comarcas de Quiroga, Terra de Lemos e Chantada suman case 2,8 millóns de euros para 76 expedientes, e tamén a de Sarria supera os 2 millóns de euros, en concreto 2,6 millóns para 83 axudas.

Orzamentos para este ano

A nova convocatoria contempla un orzamento global de 37,5 millóns de euros. Deste total, 20 millóns irán destinados a plans de mellora, 15 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 2,5 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Ademais e como novidade nesta convocatoria de axudas, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal.

Estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización. Trátase dunha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios.

Arias lembrou que no quinquenio 2016-2020 aprobáronse máis de 6.300 axudas en Galicia por importe total de máis de 253 millóns de euros. A provincia de Lugo encabeza os expedientes aprobados seguida pola da Coruña, aglutinando entre ambas preto do 70% dos expedientes aprobados nese período.

BALANCE DE ACHEGAS DA ÚLTIMA CONVOCATORIA EN LUGO (RESOLUCIÓN DO DOG DO 3 DE NOVEMBRO DO 2021)

 

COMARCA

Nº EXPEDIENTES
CONTÍA ACHEGAS (€)

TERRA CHÁ

114
4.355.695,92

LUGO

107
3.476.434,66

SUR (QUIROGA-LEMOS-CHANTADA)

76
2.790.376,10

SARRIA

83
2.644.481,74

A ULLOA

53
1.493.062,01

A MONTAÑA (ANCARES-

A FONSAGRADA)

59
1.070.681,16

MEIRA

15
472.652,48

A MARIÑA

28
426.447,77
 

TOTAIS

535
16.729.831,84


 

Imaxes relacionadas