A Xunta leva a Ribeira a exposición de fotografías Enredadas sobre a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitaron esta mañá a mostra, que estará aberta ao público no Mercado Municipal ata o 17 de marzo como parte do programa de actividades do Concello de Ribeira para celebrar o 8 de marzo

A exposición forma parte dun proxecto de boas prácticas a través do cal se fomenta a formación das redeiras noutros ámbitos e a apertura de novas oportunidades de negocio a través de ámbitos como a moda ou a decoración

Ribeira (A Coruña), 7 de marzo de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e mais a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá en Ribeira a exposición itinerante de fotografías Enredadas, coa que a Xunta amosa a diversificación do oficio tradicional das redeiras artesás galegas

A mostra, organizada en colaboración co Concello de Ribeira no marco da programación municipal de actividades para celebrar o 8 de marzo, poderase visitar ata o 17 de marzo no primeiro andar do Mercado Municipal de Ribeira en horario de 10:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas.

A exposición forma parte do proxecto Enredadas, unha iniciativa de boas prácticas impulsada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e pola Consellería do Mar desde o ano 2012 e enfocado a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas, para lles facilitar a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas contan coa posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional.

Nas fotografías que conforman a exposición, e que están realizadas por Miguel Vidal, pódense ver os resultados dos cursos de formación realizados en Buño a finais do ano 2020 e nos que as redeiras aplicaron as técnicas do oficio tradicional de elaboración e reparación de redes aos ámbitos da moda, dos complementos e da decoración de interiores, impartidos polas deseñadoras Rosalía Castro e Raquel Sousa.

Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, así como apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto. Grazas a este proxecto, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.

Colaboración con D-Due

Antes da súa visita a Ribeira, o director xeral de Comercio e Consumo e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro achegáronse tamén ata as instalacións da empresa téxtil D-Due en Asados (Rianxo), unha empresa de referencia en Galicia que habitualmente colabora na posta en valor e na comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia.

A marca Artesanía de Galicia ten colaborado en diferentes ocasións con esta empresa téxtil de Rianxo en eventos de comercialización conxunta, como a tenda Pop Up Artesanía de Galicia & D-Due – que tivo lugar durante os meses de xullo e agosto de 2021 en Sanxenxo – ou o contacto da marca Artesanía de Galicia con Xapón e coa cadea de tendas HP France, que conta con case un cento de establecementos en Xapón.

D-Due é unha empresa téxtil con orixe no ano 1960, dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo desde a década dos 90. Ao longo de máis de vinte anos de traballo, a marca D-Due amosou as súas creacións en todo o mundo: as semanas da moda de París e Milán; Madrid, Barcelona, Berlín ou Tokio, son citas recorrentes cada tempada.

Imaxes relacionadas