O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade visita o colexio Plurilingüe Felipe de Borbón e o instituto da localidade

Román Rodríguez destaca o compromiso cos servizos educativos en Salvaterra de Miño cun investimento de 1,4 M€ concentrado en dous anos

Subliña que a ampliación dos talleres do instituto responde á aposta da Xunta por impulsar as ensinanzas de FP, coa dotación de infraestruturas modernas e innovadoras

No que atinxe á rehabilitación integral do colexio, destaca a envergadura dunha actuación que mellorará o confort de alumnado e docentes, cun centro adaptado ao novo modelo de escolas recollido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Salvaterra do Miño (Pontevedra), 7 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia reforza as infraestruturas educativas no concello de Salvaterra de Miño cun investimento de preto de 1,4 M€ en dous anos no colexio Felipe de Borbón e no instituto de Salvaterra. Trátase de “dúas actuacións de envergadura”, tal e como destacou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita a ambos centros na que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

O titular de Educación do Goberno galego achegouse ao instituto de Salvaterra de Miño para comprobar as obras de ampliación deste centro, que supuxeron unha inxección de 553.000 € dos orzamentos das arcas autonómicas. Neste caso a actuación levada a cabo supuxo adecuar un espazo de 244 m² para aula-taller e, deste xeito, atender as necesidades para os ciclos formativos da familia de carpintaría e moble.

En palabras do conselleiro, esta actuación supón “unha importante mellora para o alumnado” posto que desde o pasado novembro “os rapaces que estudan o ciclo formativo de Madeira, moble e cortiza poden realizar as clases prácticas nas instalacións do propio centro, sen necesidade de desprazamento ata unha nave do polígono, como viñan facendo ata o de agora”.

Román Rodríguez subliñou que a ampliación dos talleres responde á aposta do Goberno galego polo impulso das ensinanzas de Formación Profesional, coa dotación de infraestruturas “modernas e innovadoras que, xunto coa implicación dos docentes, garanten unha formación académica que destaca pola súa calidade, recoñecida no conxunto de España”.

A actuación completouse con obras complementarias de mellora da accesibilidade -coa dotación de rampas de acceso-, zona de vestíbulo e pavimentación do adoquinado.

Eficiencia enerxética no colexio Infante Felipe de Borbón

Previamente Román Rodríguez visitou o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, onde a Xunta vén de iniciar o pasado mes de xaneiro unha obra de rehabilitación integral do centro que supón un investimento de 843.000 €.

Segundo explicou, o máis destacado desta intervención é a parte de mellora da eficiencia enerxética que abrangue o illamento térmico das fachadas do edificio e a substitución das carpintarías exteriores, das portas interiores e das luminarias. Así mesmo substituirase o actual equipo de gasóleo por outro térmico de biomasa “moito máis eficiente e con capacidade para dar servizo aos dous edificios que compoñen o centro”.

A intervención completarase coa instalación de novos falsos teitos, pulición do pavimento de terrazo e reformas nos aseos. Así mesmo mellorarase a accesibilidade ao edificio coa instalación dun ascensor de dobre carga e habilitarase un novo porche na entrada do edificio principal. Esta mellora integral, cuxas obras está previsto rematar a finais de curso, engádese ao novo patio cuberto exterior co que se dotou o centro cunha inversión de preto de 44.000 € por parte da Consellería.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Román Rodríguez salientou que esta actuación, ao igual ca do instituto, estase a desenvolver de acordo coas indicacións establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que é a folla de ruta do Goberno galego para adecuar os centros educativos ás novas necesidades tras a pandemia, e que conta cun orzamento de 191 M€ para o período 2021-2024.

Segundo o conselleiro, avánzase así no obxectivo de deseñar un novo modelo de escolas “onde a arquitectura estea ao servizo das necesidades académicas”, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas e tendo en conta os retos de sostenibilidade.

Imaxes relacionadas