A Xunta abre mañá o prazo de presentación de solicitudes da nova convocatoria de Unidades Mixtas de Investigación coa que agarda apoiar 10 proxectos

O Goberno galego reforza este instrumento e, como novidade, ofrece unha nova liña para impulsar centros mixtos de investigación entre empresas e organismos de coñecemento

Agárdase mobilizar 30 M€ e crear ou manter ao redor de 95 postos de traballo

Desde o ano 2014, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou a posta en marcha de 46 unidades mixtas que supoñen un incremento público-privado en Galicia de 130 millóns de euros

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria do programa de Unidades Mixtas de Investigación á que destina 12 M€. Desde xeito, a Xunta dá continuidade a este instrumento colaborativo que ten como obxectivo favorecer a cooperación entre os organismos de coñecemento galegos e o tecido empresarial para impulsar de xeito conxunto e coordinado actividades investigadoras, de innovación e desenvolvemento aliñadas cos retos estratéxicos da Estratexia RIS3 de Galicia.

Con esta nova convocatoria, aberta desde mañá e ata o 7 de abril, agárdase apoiar ao redor de 10 unidades, crear ou manter 95 postos de traballo, así como mobilizar un investimento público-privado de 30 M€. Nesta nova edición, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), aumenta a intensidade máxima da axuda do 30 ao 40 % e o importe máximo dos 1,5 aos 3 millóns de euros.

A principal novidade é que, ás duas liñas existentes -unidades mixtas de nova creación e de consolidación-, súmase unha terceira: centros mixtos de investigación, que ten como obxectivo dar estabilidade ás unidades consolidadas nas convocatorias dos anos 2017 e 2018. Deste xeito, contribuirán ao aumento da competitividade e expansión internacional das empresas participantes á vez que se xera coñecemento científico-técnico de excelencia e se mantén o emprego cualificado creado.

Nesta nova liña, deberase manter a composición das unidades da fase de consolidación
-aínda que as constituídas inicialmente por un organismo e unha empresa poderán incorporar unha segunda compañía do mesmo grupo sempre que exista unha complementariedade xustificada-. Ademais, o centro de traballo ten que estar en Galicia. O orzamento mínimo do proxecto deberá ser de 3,5 M€.

Emprego cualificado e mellora da competitividade empresarial

Desde a posta en marcha deste programa, en 2014, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou con 39 millóns de euros un total de 46 unidades mixtas que mobilizaron 130 M€. Ademais, estas iniciativas contribuíron á creación de emprego cualificado -695 postos novos ou mantidos-, ao impulso da transferencia de I+D+i ao tecido empresarial galego, á captación de empresas foráneas a Galicia, ao desenvolvemento das capacidades dos organismos de investigación galegos en sectores punteiros e á mellora da competitividade das empresas.

De feito, o programa está permitindo a chegada de firmas foráneas, xa que o 39 % das unidades mixtas están constituídas por compañías con domicilio social de fóra da Comunidade; e ao mesmo tempo está permitindo impulsar a participación de pemes galegas. Ata o de agora formaron parte deste programa 33 empresas -28 multinacionais- e 13 centros de coñecemento que cos seus proxectos están posibilitando que se avance en sectores estratéxicos para Galicia.

Así, apoiáronse 15 unidades na industria da automoción, seis do naval, cinco na alimentación e catro na enerxía, ademais de outras na saúde, o sector farmacéutico, o aeronáutico ou as TIC, por exemplo.

Imaxes relacionadas