Preto de 40 solicitantes recibirán case 3,4 M€ da Xunta para fomentar a elaboración e a comercialización de produtos vitivinícolas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que recolle un total de 39 beneficiarios da convocatoria do ano pasado destas achegas

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade ás axudas concedidas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, no marco da convocatoria de 2021. En total, un total de 39 beneficiarios recibirán preto de 3,4 millóns de euros.

Cabe lembrar que podían beneficiarse destas achegas as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica e as organizacións interprofesionais. Eran subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria ou equipamentos e a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.

Os principais obxectivos desta convocatoria son, entre outros, os de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario e impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos.

Preténdese, así mesmo, fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outras finalidades pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas.

Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220307/AnuncioG0426-250222-0003_gl.html

Imaxes relacionadas