A Xunta ingresará un importe superior aos 1,13 M€ a máis dunha vintena de beneficiarios para promocionar os viños galegos fóra da Unión Europea

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que lle dá publicidade aos beneficiarios destas achegas convocadas en 2021, que buscan dar a coñecer os nosos viños nos mercados de terceiros países

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se lle dá publicidade ás axudas concedidas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, isto é, de fóra da Unión Europea, ao abeiro da convocatoria do pasado ano 2021. En total, contabilízanse 22 beneficiarios dun montante global que supera os 1,13 millóns de euros.

Cabe lembrar que podían acollerse ás achegas as empresas vinícolas, as organizacións de produtores e as súas asociacións, así como os órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas do viño e as cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados.

Tamén se podían beneficiar destas achegas as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola, que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños, as organizacións profesionais e interprofesionais do sector e as asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.

Ao abeiro destas axudas, as accións e actividades de promoción que se poden desenvolver son todas aquelas nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios, degustacións, etc.

Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220307/AnuncioG0426-250222-0004_gl.html