A Xunta impulsa as redes locais de innovación a través da iniciativa Camiño de Futuro

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación pon en marcha unha serie de 14 encontros en concellos de toda Galicia para difundir os instrumentos de apoio ás empresas galegas

O obxectivo da iniciativa, que bota a andar mañá en Baleira (Lugo), é potenciar a competitividade e o crecemento do tecido empresarial galego, especialmente das pemes afastadas dos núcleos urbanos

Camiño de futuro dá continuidade á iniciativa Camiño da innovación, un espazo itinerante que percorreu Galicia durante os meses de novembro e decembro pasados, realizando máis de 240 asesoramentos a pemes galegas

Nesta nova xira, ademais de presentar os instrumentos de apoio a empresas, haberá mesas redondas onde se darán a coñecer casos de éxito de pemes innovadoras de diferentes sectores
 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2022

O centro sociocultural de Baleira (Lugo), acolle mañá luns, 7 de marzo, entre as 12 e as 13:30 horas, a primeira parada da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Trátase dunha serie de catorce encontros de networking que se celebrarán durante os meses de marzo e abril por toda a xeografía galega co obxectivo de difundir os instrumentos de apoio que están a disposición das empresas galegas para aumentar a súa competitividade e crecemento. As seguintes paradas serán o mércores 9 en Bóveda e o xoves 10 en Mondoñedo.

Esta iniciativa conta coa colaboración doutros departamentos da Xunta de Galicia como a Consellería de Medio Rural e a Consellería do Mar e os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e os Grupos de Acción Local Pesqueira (GALP).

Os encontros incluirán a presentación das diferentes liñas de axuda ás pemes da Administración autonómica, así como unha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores da economía galega. Os interesados en participar deberán inscribirse previamente a través da páxina web da Axencia e das páxinas web das confederacións de empresarios de Lugo e Ourense.

Esta iniciativa enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación. A través das distintas actuacións, tratarase de promover que as empresas que non innovan inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento e, principalmente, tratarase de dinamizar aos tecidos empresariais dos núcleos non urbanos.

Camiño de futuro dá continuidade á iniciativa Camiño da innovación, unha das primeiras actuacións do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ao longo dos meses de novembro e decembro pasados percorreu a través dun espazo itinerante un total de 18 localidades das catro provincias galegas, realizando máis de 240 asesoramentos a pemes galegas e asistindo máis de 550 persoas aos encontros.

Casos de éxito empresarial

En cada xornada, ademais de presentar os instrumentos de apoio ás empresas, celebrarase unha mesa redonda na que se presentarán exemplos de pemes innovadoras da contorna procedentes de diferentes sectores da economía galega.

En Baleira, a cita con compañías innovadoras reunirá ás empresas Bicos de Fío - tenda de moda- , Comenza -empresa especializada no desenvolvemento de sistemas de barandillas e pasamáns de deseño exclusivo, seguros e fáciles de instalar- e Maquinaria Agrícola Corbar -dedicada á maquinaria forestal e agrícola-.

Ademais, facilitarase contido formativo específico en materia de innovación para as pemes, como os sete cadernos de innovación editados sobre as técnicas que empregan as grandes empresas e as pemes exitosas, ou un boletín electrónico sobre conceptos prácticos da innovación ao que se poden subscribir, ademais de convidalos a solicitar asesoramento personalizado á Axencia.
 

Imaxes relacionadas