A Xunta invita ás comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal a coñecer os distintos programas de axudas en materia de vivenda

A segunda sesión dos encontros informativos ‘Construíndo Fogar’ celebrarase o luns, 7 de marzo, ás 10,30 h, na Delegación Territorial de Ferrol, e contará coa participación de persoal do Instituto Galego da Vivenda e Solo

Ao encontro, aberto ao público en xeral, están convocados os concellos, empresas e entidades do sector de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño

Ferrol, 4 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia invita ao tecido social das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal a coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda ás que poden optar os cidadáns e os concellos.

A segunda quenda dos encontros informativos Construíndo Fogar terá lugar o vindeiro luns, 7 de marzo, ás 10,30 horas, na Delegación Territorial da Xunta en Ferrol (praza Camilo José Cela, s/n, planta baixa), e contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para informar dos detalles dunha trintena de liñas distintas de incentivos e resolver as dúbidas dos asistentes.

Ao encontro, aberto ao público en xeral que desexe asistir, están convocados representantes dos concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.

Tamén están invitadas entidades, como os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas; e empresas do sector da vivenda e da rehabilitación edificatoria, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción.

O obxectivo é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, así como dos trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria.

Así, o IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. Á maioría están dirixidos aos particulares, pero tamén existen outros que son exclusivamente para os concellos.

Asemade, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro.

No encontro tamén se presentarán aqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da comarca, como son as axudas á área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, que inclúe a Ferrol, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume, por onde discorre o Camiño Inglés; así como as axudas para a adquisición de vivenda en centros históricos, que beneficiará directamente a sete ámbitos localizados nos concellos de Ferrol, Mugardos, Neda e Pontedeume.

A Consellería de Medio Ambiente considera necesarios e fundamentais estes encontros, para dar a coñecer a existencia das liñas de subvencións dispoñibles; animar aos posibles beneficiarios a presentar unha solicitude, ofrecendo información de directa, práctica e útil, e sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.

Imaxes relacionadas