A Xunta destaca a Festa do Queixo de Arzúa como exemplo de ferramenta de difusión da oferta turística

A directora de Tursimo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na inauguración oficial da celebración, que chega a súa 47ª edición

Arzúa (A Coruña), 5 de marzo de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse esta mañá ata a Arzúa para participar na inauguración da 47ª edición da Festa do Queixo de Arzúa, unha cita gastronómica de primeiro nivel plenamente consolidada no calendario festivo galego tanto pola calidade do produto protagonista como polo interese dos actos programados.
“Somos conscientes de que as festas, polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio a nivel autonómico, son un recurso que manter e potenciar, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística”, explicou Nava Castro, quen puxo en valor a aposta do Goberno galego pola promoción destas celebracións para que “sigan sendo ferramentas de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais, xerando experiencias únicas e aportando valor na construcción do destino”.
Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia destacou a posición privilexiada de Arzúa, punto de referencia no Camiño Francés, o itinerario máis escollido polos peregrinos que camiñan cara Santiago, ao tempo que destacou os recursos turísticos, culturais e patrimonais deste territorio. Unha riqueza turística que permitiu desenvolver unha nova ruta dos trens turísticos, que se porán en marcha este ano en Galicia. Así, a oferta destes trens turísticos que pon en marcha a Xunta en colaboración con Renfe e o INORDE contarán este ano como novidade coa Ruta dos Queixos de Galicia.
Camiño xa do medio século de tradición e tras máis de 20 anos como Festa de Interese Turístico de Galicia, centos de persoas achéganse este días para gozar dunha celebración que pon en valor este queixo de primeirísima calidade producido na Área xeográfica da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e que dende 1989 conta coa denominación de Produto Galego de Calidade, sendo o queixo de maior produción dos catro galegos que contan con denominación de orixe.