A Xunta salienta a aposta de Galicia por impulsar un ecosistema innovador que fomente o emprendemento tecnolóxico

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta semana en Barcelona na mesa redonda ‘O ecosistema de emprendemento e innovación en Galicia’, celebrada no marco do ‘4YFN (4 Years From Now)’, cita para facilitar a conexión de ‘startups’ con investidores e grandes corporacións

Lembra que Galicia ultima a súa axenda de emprendemento para impulsar iniciativas que permitan avanzar na innovación, a dixitalización e a sostibilidade

Barcelona, 05 de marzo de 2022

Os directores do Igape, Fernando Guldrís, e de XesGalicia, Rubén Aguión, participaron en Barcelona no evento 4YFN (4 Years From Now), cita para facilitar a conexión de startups con investidores e grandes corporacións. Un escenario no que os representantes do Goberno galego puxeron en valor a aposta de Galicia por impulsar un ecosistema innovador capaz de fomentar o emprendemento tecnolóxico.

“O noso obxectivo é promover un traballo en común para impulsar a competitividade das nosas empresas e, en definitiva, para que a industria galega sexa un referente do emprendemento, da innovación e o talento”, salientou Guldrís, apuntando, neste marco, a importancia de desenvolver modelos específicos de aceleración do emprendemento, como é o caso das business factories que está a impulsar a Xunta vinculadas á industria da automoción (BFAuto), o sector agroalimentario (BFFood), o aeroespacial (BFAero) e o ámbito farmacéutico (BFMedicines).

Unha aposta, incidiu, que se complementa con outros proxectos como a rede de aceleradoras que ven impulsando a Xunta de Galicia, e da que forman parten programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future ou Connecting For Good Galicia.

“Este modelo susténtase na innovación aberta, con empresas privadas definindo retos industriais aos que as startups tratan de dar resposta con solucións tecnolóxicas, e cunha estreita colaboración público-privada entre administracións para financiar o funcionamento das aceleradoras”, destacou Guldrís no marco da mesa redonda
O ecosistema de emprendemento e innovación en Galicia.

Neste contexto, o director do Igape destacou o compromiso do Goberno galego cun “emprendemento de calidade”, baseado tanto na transformación dixital, na innovación e o impulso das tecnoloxías emerxentes, como na orientación do talento cara a oferta de servizos e produtos baseados nas novas necesidades dos clientes.

De feito, a Xunta de Galicia está ultimando a nova Axenda de Emprendemento, a través da que se articularán medidas que eleven aquelas iniciativas empresariais que permiten dar a Galicia un plus en ámbitos como a innovación, a dixitalización ou a sostibilidade, prestando tamén especial atención ao emprendemento feminino.

Así mesmo, Guldrís resaltou outras actuacións no ámbito do emprendemento que está a levar a cabo a Administración galega, como a rede de espazos coworking, que están a activar unha nova edición e que permitiron impulsar ata o de agora máis de 400 novas iniciativas empresariais en Galicia; ou programas como o Galicia Emprende e o Galicia Emprende Rural, que suman preto de 550 proxectos emprendedores promovidos.

Pola súa banda, o director de XesGalicia, Rubén Aguión, participou na mesa Startups galegas: casos de éxito, onde valorou o traballo que está a levar a cabo o organismo “impulsando o ecosistema de startups, o emprendemento e a innovación, ao tempo que promove o retorno do talento galego”. Neste sentido, destacou, a sociedade xestora suma máis de 34M€ do seu patrimonio asociado a startups, tendo máis de 80 en carteira e máis de 17M€ de fondos dispoñibles para novos investimentos nestas compañías.

Imaxes relacionadas