A Xunta abre unha consulta preliminar ao mercado para incorporar solucións innovadoras á transformación dixital do patrimonio do Camiño

É unha das medidas do Proxecto Stellae 5.0, impulsado pola Xunta e a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo para a dixitalización do legado cultural e patrimonial da Ruta Xacobea

A consulta está orientada á dixitalización de activos, á creación de contidos culturais e educativos, á formación de capital humano e ao emprendemento en torno ao patrimonio cultural de Galicia e da Eurorrexión

Está dirixida, fundamentalmente, a empresas do sector cultural, tecnolóxico, audiovisual e de contidos e a grupos de investigación en tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades que poderán presentar as súas propostas ata o mes de maio

O Proxecto Stellae 5.0 forma parte do proceso de construción das Memoria Dixital de Galicia, que se alberga no Gaiás

A estratexia Galicia Dixital 2030, no seu eixo “Cultura e turismo intelixente”, aposta por impulsar o uso das tecnoloxías dixitais para a dinamización do patrimonio e a produción cultural

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2022

A Xunta acaba de abrir una consulta preliminar ao mercado para incorporar solucións innovadoras á transformación do patrimonio do Camiño de Santiago. É unha das medidas contempladas no Proxecto Stellae 5.0 Patrimonio dixital vinculado ao Camiño de Santiago, impulsado pola Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Axencia para a Modernización para a dixitalización do legado cultural e patrimonial da Ruta Xacobea.

Con esta consulta búscase a implicación do tecido empresarial galego na iniciativa, que poderá achegar as súas propostas en torno a cinco ámbitos: a dixitalización de activos, creación de contidos culturais e educativos, formación de capital humano e ao emprendemento en torno ao patrimonio cultural de Galicia e da Eurorrexión.

Desde onte e o mes de maio as empresas do sector cultural, tecnolóxico, audiovisual e de contidos e grupos de investigación en tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades poderán presentar as súas iniciativas, sen menoscabo de que outros axentes con experiencia nos ámbitos sinalados poidan concorrer á consulta. As entidades interesadas poden participar na consulta preliminar a través da web da Axencia e da Plataforma de Contratación da Xunta
https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=803972&lang=gl

O proxecto Stellae 5.0, que aspira a captar fondos europeos, aborda dun modo integral a preservación, difusión, valorización cultural e patrimonial, así como o impulso da transformación dixital da nova economía.

Unha das principais características é que integrará á cidadanía e ás universidades na cadea de valor do patrimonio cultural como actores imprescindibles. Entre as accións previstas pola Rede CRUSOE inclúese o lanzamento do primeiro Máster Interuniversitario e internacional en Patrimonio Cultural Dixital, en colaboración cos sectores industriais e pymes autonómicas. Tamén se impulsará a creación dunha incubadora e aceleradora empresarial centrada no Patrimonio Cultural Dixital, entre outras accións.

Ademais, involucrarase aos principais actores, universidades, institucións públicas, empresa privada, cidadanía e terceiro sector e convocarase ao tecido empresarial galego, educativo e asociativos a participar no proxecto.

Aliñado coas Axendas Dixitias europea e galega

O proxecto Stellae 5.0 alíñase coas políticas europeas nacionais e autonómicas recollidas tanto na Axenda Dixital Europea como na Estratexia Dixital Galicia 2030. Esta última ten entre os seus dos obxectivos potenciar unha Galicia máis aberta, accesible e interactiva a través do uso das tecnoloxías dixitais para o fomento do turismo e a dinamización do patrimonio e as produción cultural da Estratexia Galicia Dixital 2030, como se recolle o seu eixo “Cultura e turismo intelixentes”.

A Xunta desenvolve o proxecto Memoria Dixital de Galicia, que se alberga nas instalacións da Cidade da Culturas, co obxectivo de dixitalizar documentos e recursos e impulsar o desenvolvemento de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultural, así como potenciar o patrimonio para actividades de investigación .O proxecto Stellae 5.0 forma parte deste proceso de concentración da memoria cultural e transición dixital dos recursos do patrimonio cultural vinculados ao Camiño de Santiago

Imaxes relacionadas