A Xunta destaca en Vigo o apoio autonómico ás mulleres xordas para romper coas barreiras de comunicación e acadar unha sociedade inclusiva

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto de apertura do XIV Encontro da Muller Xorda de Galicia

A Consellería de Emprego e Igualdade apoia á Federación de asociacións de persoas xordas de Galicia (FAXPG) con preto de 5 millóns de euros desde 2009 para avanzar cara a súa integración laboral e loitar contra a violencia de xénero

Garante apoio psicolóxico, e interpretación de lingua de signos ás vítimas con discapacidade auditiva desde que presentan a denuncia

Vigo, 5 de marzo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Vigo no acto de apertura do XIV Encontro da Muller Xorda de Galicia, organizado pola Asociación de Persoas Xordas de Vigo e a Federación de asociacións de persoas xordas de Galicia (FAXPG), onde avogou por unha sociedade en condicións de igualdade nas que as mulleres xordas e xordocegas non teñan que enfrontarse a discriminacións e ás barreiras de comunicación propias da súa discapacidade.
Neste senso, destacou a importancia de apoiar desde as administracións públicas recursos específicos para conseguir que as mulleres máis vulnerables poidan participar activamente na sociedade en igualdade de condicións, evitando “por todos os xeitos” situacións de marxinación e exclusión.
A Consellería de Emprego e Igualdade apoia o labor da Federación de asociacións de persoas xordas (FAXPG) no ámbito laboral e da promoción da igualdade e da loita contra a violencia de xénero e, así, entre 2009 e 2021 destinou a estes eidos preto de cinco millóns de euros, unha contía na que se inclúe o financiamento do convenio de colaboración que mantén desde 2019, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, para prestar apoio a mulleres xordas que sufran violencia de xénero. En tres anos investíronse a través desta colaboración 80.000 euros, unha cooperación que posibilita o funcionamento dun servizo de intérpretes en lingua de signos desde o momento de presentación da denuncia e unha formación específica para profesionais que traballan no eido da violencia de xénero e prestan atención especializada a mulleres xordas.
Tamén garante a elaboración de xornadas e talleres e a elaboración de materiais específicos para a sensibilización e prevención da violencia de xénero de xeito específico para as persoas con discapacidade.
“O colectivo de mulleres xordas ou xordocegas precisan de actuacións específicas encamiñadas a eliminar os obstáculos que impiden o seu pleno desenvolvemento persoal e social”, apuntou López Abella, polo que reivindicou marcos de colaboracións desde todos os ámbitos para garantir unha sociedade sen discriminacións múltiples por razóns de discapacidade “máis igualitaria e inclusiva”, rematou.