A Xunta agradece a AJE Lugo e aos emprendedores da provincia o seu compromiso por construír unha Galicia en positivo

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou en Monforte de Lemos na entrega dos galardóns que cada ano organiza a Asociación de Xoves Empresarios provincial

Tanto as exportacións como a creación de empresas xa superaron en 2021 en Lugo os rexistros previos á pandemia
 

Monforte de Lemos (Lugo), 4 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde en Monforte de Lemos na entrega dos premios AJE Lugo 2021. Na súa intervención, agradeceu tanto á Asociación de Xoves Empresarios de Lugo como ao conxunto de emprendedores da provincia o seu compromiso por construír unha Galicia en positivo, a pesar do complexo escenario.

Conde puxo de relevo a capacidade de resistencia e de adaptación aos cambios que están a demostrar os empresarios galegos e lucenses. Como exemplo, lembrou que Galicia está a vivir o seu mellor ciclo exportador, e que as exportacións da provincia sumaron en 2021 un total de 723 millóns de euros, un 23,6 % máis que no ano anterior. Ademais, medraron nun 8,8 % en comparación con 2019, é dicir, melloraron os resultados prepandemia.

En 2021 botaron a andar na provincia de Lugo 363 empresas, case unha ao día, un 13,4 % máis que o ano anterior, e de novo situándose por riba das cifras anteriores á covid. Así, o ano pasado constituíronse 15 empresas máis en Lugo que en 2019.