A Xunta salienta a Festa da Arribada de Baiona como referente turístico internacional e espello dunha Galicia acolledora e aberta ao mundo

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na apertura dun encontro que celebra o 529 aniversario da chegada da Carabela Pinta a Baiona

Alfonso Rueda destacou que Galicia foi daquela o punto de encontro entre dous mundos e que segue a ser “unha ponte invisible co continente americano que continúa ata os nosos días”

Baiona (Pontevedra), 4 de marzo de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na apertura da XXVI edición da Festa da Arribada, un encontro declarado de interese turístico internacional que conmemora este ano o 529 aniversario da chegada da Carabela Pinta a Baiona con noticias do descubrimento dun novo mundo.
Alfonso Rueda destacou que Galicia foi daquela o punto de encontro entre dous mundos e que segue a ser “unha ponte invisible co continente americano que continúa ata os nosos días”. Animou, polo tanto, a desfrutar da festa tendo en conta que conmemora un fito que cambiou o mundo e que creou lazos entre Galicia e o continente americano tanto no eido cultural como económico, ademais dos sentimentais que se foron entretecendo a través do fenómeno da emigración. O vicepresidente primeiro cualificou a Festa da Arribada como un referente turístico internacional de primeiro nivel e como espello dunha Galicia acolledora e aberta ao mundo.
A Arribada da Carabela Pinta a Baiona é a única festa destas características que se celebra en Galicia, polo que converteuse nunha referencia imprescindible e nunha cita ineludible no calendario de festas da comunidade autónoma galega. Data do ano 1493, cando Martín Alonso Pinzón arribou a Baiona para comunicar o descubrimento de América. Na súa XXVI edición, que se celebrará ata o día 6 de marzo, agarda xuntar, como en anos anteriores -coa excepción de 2021, cando non se celebrou pola pandemia- ata 200.000 persoas interesadas nas súas mostras e espectáculos, na súa oferta gastronómica e nos seus postos de artesanía, entre outros atractivos.
A Xunta involucrouse especialmente na celebración da xira Exploraterra 2022, unha iniciativa cultural pola que se xuntaron en Baiona, ademais da Carabela Pinta, a réplica da Nao Santa María e da carabela portuguesa Veracruz, que poden ser visitadas de balde ata o 6 de marzo. O obxectivo é a posta en valor das grandes exploracións marítimas de España e Portugal ao longo da historia, polo que supón tamén unha ocasión inigualable para dar a coñecer o turismo náutico da nosa comunidade.
Por outra banda, a declaración no 2015 da Arribada como festa de interese turístico internacional facilitou que Baiona se beneficiase das axudas que Turismo de Galicia destina a estes acontecementos. A Xunta colaborou tamén na rehabilitación integral da Carabela Pinta e na dotación de ferramentas dixitais na Casa de Navegación de Baiona. A maiores, o concello recibe desde o ano 2014 unha axuda anual para a contratación de persoal para as oficinas de turismo e para a mellora do Camiño Portugués pola Costa.

Descubre Baiona

Os atractivos e a potencialidade turística de Baiona facilitaron tamén que o concello vaia beneficiarse dun dos plans territoriais de sustentabilidade turística en destino financiados polos fondos Next Generation para a posta en marcha do proxecto Descubre Baiona, que conta cun orzamento de 2,4 millóns e que permitirá recuperar o Paseo Pinzón, mellorar a conectividade do municipio con sendeiros seguros e outras actuacións como a sinalización de rutas de sendeirismo, BTT e trail running, aparcamentos disuasorios, control de aforos e sistemas de aluguer de bicicletas. A aposta de Baiona pola sustentabilidade acadou no 2020 un importante recoñecemento mundial coa súa entrada na prestixiosa lista Sustainable Top 100 Destination Awards.