A Xunta pon en valor o papel da muller en tarefas vencelladas á terra e demanda tratar con enfoque de xénero a saúde mental e o traballo dos coidados

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe en Cambados un obradoiro organizado pola Asociación Galega de Cooperativas sobre saúde mental, intelixencia emocional e psicoloxía positiva.

Cambados (Pontevedra), 4 de marzo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, partIcipou hoxe na inauguración en Cambados do obradoiro Apoderamento de mulleres socias de cooperativas da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), onde incidiu na necesidade de “reforzar o papel das mulleres que traballan no sector rural desde o prisma do cooperativismo” e demandou tratar con perspectiva de xénero a saúde mental ou o traballo dos coidados.
López Abella incidiu en que coa data do 8 de marzo á volta da esquina, na necesidade de outorgar enfoque de xénero á saúde mental ou na carga dos coidados que “continúa a ser fundamentalmente un traballo feminino, coa carga mental que leva vinculada”.
Os obradoiros hoxe inaugurados poñen o foco na saúde mental e na intelixencia emocional, o estrés, a psicoloxía positiva e a risoterapia. “Estas xornadas poñen en valor a importancia de ser conscientes do propio estado, de saber detectar situacións límite e de contar coas ferramentas para manexalas ou pedir axuda, en caso preciso, algo que desde a Administración estamos tamén a promover con medidas como o devandito Plan de Saúde Mental poscovid-19”, recalcou López Abella.
“É fundamental acadar unha igualdade efectiva entre as mulleres e os homes que comparten tarefas tan importantes como son aquelas asociadas á terra”, remarcou a secretaria xeral da Igualdade, quen lembrou que programas como o Emega da Xunta están a traballar neste obxectivo con máis de 3,2M€ na súa última edición a favorecer o emprendemento por mulleres.
Outras medidas promovidas desde Igualdade destínanse ao fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral; á promoción do asociacionismo e a participación de mulleres; e a potenciar a inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero ou en situacións de especial vulnerabilidade, lembrou a secretaria xeral.
A representante da Xunta subliñou o apoio a labor desempeñada en Galicia por Agaca, e as cooperativas a integran, pola posta en valor do sector agroalimentario e do mundo rural ao que está tan vencellado e, especialmente, pola posta en marcha de actuacións que, como a de hoxe, contribúen a visibilizar a labor das mulleres neste sector, onde a presenza feminina, dixo, “segue a ser minoría” e a súa situación “discriminatoria”, por exemplo no eido salarial “onde as mulleres son maioría nos rangos menores de retribucións”.