O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou de novo a dispoñibilidade de Galicia para axudar aos afectados polo conflito

Galicia ofrece un milleiro de prazas de acollida para refuxiados procedentes da Guerra de Ucraína

Delas, 584 foron ofertadas pola Xunta, 256 polos concellos galegos a través da Fegamp e 139 por parte de entidades sociais

Estes datos foron enviados hoxe ao Goberno central e iranse actualizando a medida que os distintos axentes vaian ampliando a súa oferta

Estas prazas de atención súmanse ás 432 camas en hospitais nas sete áreas sanitarias destinadas a aquela poboación que precise de atención sanitaria

O luns 7 de marzo celebrarase unha reunión de urxencia para coordinar a axuda humanitaria desde Galicia
 

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2022

Galicia trasladou este venres ao Goberno central a súa oferta dun milleiro de prazas de acollida en distintos centros para recibir a refuxiados a guerra en Ucraína. Ao mesmo tempo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou esta dispoñibilidade para axudar a calquera persoa afectada polo conflito. Neste senso, sinalou que o Goberno autonómico “está a orde” do que concreten os ministerios competentes en materia de acollida e acción humanitaria, e apuntou que hai tempo que a Xunta se puxo en contacto coa recentemente creada Asociación Galega de Axuda a Ucraína para mostrar o seu apoio.

Deste algo máis dun milleiro de prazas, 584 proceden de centros da Xunta, 256 achegáronas os concellos galegos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e 139 veñen de entidades sociais. A Xunta xa remitiu estes datos ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, que será o encargado de centralizar o reparto por comunidades autónomas.

Os datos iranse actualizando na medida en que os distintos axentes vaian ampliando o número de centros e prazas. Os centros postos á disposición por parte da Administración autonómica son: as Residencias de Tempo Libre de Panxón e o Carballiño, o Centro de Formación e Experimentación Pedro Murias de Ribadeo, o albergue xuvenil de Portomarín, as Casas do Mar de Burela, Celeiro-Viveiro e A Coruña, o Centro de acollida para vítimas de violencia de xénero de Vigo e os centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo.

Estas prazas súmanse ás 432 camas en hospitais nas sete áreas sanitarias para acoller a aquela poboación de Ucraína con necesidades de atención sanitaria. Delas, 113 serán para pacientes pediátricos, 15 para nenas e nenos con necesidades de tratamento oncolóxico e o mesmo número para neonatos. Con respecto aos adultos, das 319 prazas dispoñibles para eles, un total de 25 serían para pacientes oncolóxicos en tratamento.

Axuda humanitaria

A solidariedade é, sen dúbida, unha das características máis relevantes da cidadanía galega e na actual crise provocada polo conflito bélico en Ucraína, unha vez máis, as mostras de solidariedade son constantes. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE está poñendo en marcha os instrumentos de financiamento de axuda humanitaria dos que dispón para facer fronte á crise en Ucraína.

Por un lado, canalízanse fondos a través dos tres convenios de colaboración asinados con entidades expertas na atención deste tipo de crises (Farmacéuticos Mundi, Unicef e a Axencia Española de Cooperación Internacional). Doutra banda, disponse doutra vía para o financiamento de intervencións de resposta a emerxencia e crises humanitarias, que é a convocatoria para proxectos de acción humanitaria no exterior que se publicará nas vindeiras semanas.

Ademais, coa finalidade de coordinar a resposta dende Galicia, a Xunta está a convocar unha reunión de urxencia, prevista para o luns día 7 de marzo, na que participarán distintos axentes de cooperación con presenza en Galicia e traballo na zona do conflito. Nela participarán a Fegamp, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Concello de Santiago, a Coordinadora Galega de ONGD e entidades humanitarias con presencia sobre o terreo.

A Xunta de Galicia agradece profundamente as mostras de solidariedade e os ofrecementos brindados á poboación afectada polo conflito e lembra que nas crises de carácter humanitario a canalización da axuda mais efectiva e con maior impacto é a través de doazóns de fondos ás organizacións humanitarias especializadas que están a traballar no lugar do conflito.

Imaxes relacionadas