Quince alumnos do CIFP Carlos Oroza inician este mes as súas prácticas da FP dual en hoteis de Galicia, Madrid, Barcelona e Sevilla

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este mediodía os dous ciclos formativos duais de hostalería deste instituto pontevedrés, que ofrece esta modalidade educativa na cidade xunto co IES Luis Seoane

O representante autonómico estivo acompañado polos directores do Gran Hotel La Toja, Enrique Martínez; Carlos I de Sanxenxo, Leonardo Martínez; e Gran Talaso Sanxenxo, Óscar Fontán, que acollerán a gran parte dos estudantes

“A modalidade dual e a relación coas empresas é a principal opción da formación profesional, xa que os alumnos viven a realidade do mundo laboral desde o primeiro momento e teñen unha empregabilidade moi alta”, significou o delegado territorial
 

Pontevedra, 4 de marzo de 2022

Quince alumnos do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza de Pontevedra van iniciar este mes de marzo, en concreto o día 15, as súas prácticas da FP dual en diversos hoteis de Galicia e das cidades de Madrid, Barcelona e Sevilla.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta nova fase da formación do alumnado especializado no sector hostaleiro do CIFP Carlos Oroza, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, nunha visita aos ciclos formativos duais de Xestión de Aloxamentos e Cociña e Gastronomía.

Na mesma tamén estivo acompañado polos directores do Eurostars Gran Hotel La Toja, Enrique Martínez; do Hotel Carlos I Sanxenxo, Leonardo López; e do Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Óscar Fontán; que acollerán a gran parte destes estudantes e cos que estivo a departir sobre esta nova fase formativa no marco do FP dual que está a impulsar a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

“A modalidade dual que estamos a potenciar desde a Xunta de Galicia e a relación coas empresas son a principal opción de futuro para a formación profesional, xa que os alumnos viven e coñecen a realidade do mundo laboral desde o primeiro momento e ademais acádase unha empregabilidade moi alta, e máis nun sector como o hostaleiro que cada vez demanda máis profesionais preparados”, significou o representante autonómico.

Os alumnos da FP dual do CIFP Carlos Oroza van realizar un proceso formativo de seis meses nas propias empresas, cunha titorización por parte de centro e beneficiándose dunha bolsa de 500 euros durante este período, abonada polo propio establecemento en concepto do traballo realizado.

Así, unha decena de alumnos do Ciclo Superior de Xestión de Aloxamentos desenvolverán este proceso en hoteis da cadea Eurostars da nosa comunidade autónoma e das cidades de Madrid, Barcelona e Sevilla, mentres que os outros cinco, do Ciclo Medio de Cociña e Gastronomía, distribuiranse, en tres casos, en establecementos desta mesma empresa en Barcelona e Madrid e os outros dous no Hotel Carlos I e no Hotel Gran Talaso Sanxenxo.

“A FP dual supón para o alumnado unha gran mellora na súa formación, posto que se incorpora desde o primeiro ano ao mundo da empresa, adquire competencias que non son reproducibles no centro educativo e responsabilidade fonte ao traballo, obtén experiencia laboral e ademais ten a posibilidade de incorporarse ao cadro de persoal da propia empresa, polo cal é moi vantaxosa”, explicou Luis López.

O CIFP Carlos Oroza de Pontevedra ten implantada a FP dual desde o ano 2013 e, neste período, xa formou a preto de 130 alumnos baixo esta modalidade. Ademais, é o único centro da cidade que imparte este formato, cos dous citados ciclos, xunto co IES Luis Seoane, que ofrece o de Comercialización de Produtos Alimentarios.
 

Imaxes relacionadas