O presidente da Xunta asistiu hoxe á gala do XXV aniversario de Cegasal

Feijóo resalta o compromiso coa discapacidade cun orzamento de 142 M€, o máis elevado da historia da autonomía para acadar unha Galicia de oportunidades na que todos temos un sitio

Asevera que estes fondos buscan percorrer todas as necesidades e circunstancias das persoas que presentan algún tipo de discapacidade e avanza que para os máis pequenos superarase o medio centenar de unidades de atención temperá

Afirma que nos vindeiros meses poranse en marcha 280 novas prazas de atención á discapacidade, 110 delas en Ourense

Destaca a posta en marcha do Plan Emprega discapacidade e exclusión social que, cun investimento de 46 millóns, céntrase na intermediación laboral, a formación e o sostemento dos centros especiais de emprego

Pon en valor o esforzo de todos os premiados e a súa contribución para desmentir moitos dos prexuízos que aínda pesan

Ourense, 4 de marzo de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso coa discapacidade, cun investimento neste 2022 de 142 millóns de euros, o máis elevado da historia da autonomía para acadar unha Galicia de oportunidades, na que todos temos un sitio.

Durante a gala do XXV aniversario de Cegasal, Feijóo aseverou que estes fondos buscan percorrer todas as necesidades e circunstancias das persoas que presentan algún tipo de discapacidade. Así, para os máis pequenos precisou que se superará o medio centenar de unidades de atención temperá; e, para os que presentan un maior nivel de afectación, nos vindeiros meses poranse en marcha 280 novas prazas de atención á discapacidade, 110 delas en Ourense, no futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD).

Nesta mesma liña, salientou a posta en marcha do Plan Emprega discapacidade e exclusión social que, cun investimento de 46 millóns de euros, céntrase na intermediación laboral, a formación e o sostemento dos centros especiais de emprego. Ademais de recordar que a Administración autonómica incorporou ao seu cadro de persoal a 1.000 traballadores con discapacidade intelectual e que Galicia é unha das comunidades cunha maior taxa de integración nas mesmas aulas que os demais cativos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo quixo destacar o esforzo de todos os premiados e a súa contribución para desmentir moitos dos prexuízos que aínda pesan: “Detrás de cada un das 3.550 persoas que traballan nun centro especial de emprego, tres veces máis que en 2009, existe unha dobre historia: eles demostran que as súas capacidades desbordan con moito ás súas discapacidades; e o resto dos galegos superamos os prexuízos que aínda seguen pesando sobre as persoas con discapacidade”, precisou.

O presidente da Xunta concluíu enxalzando o labor dos centros especiais de emprego, “xa que o emprego -aseverou-, é o mellor camiño para acadar a plena inclusión social”.

Imaxes relacionadas