A Xunta pon en marcha ‘Adestra a túa saúde’, un programa piloto de fomento do exercicio físico nas persoas maiores de 60 anos

Desde mediados do pasado mes de febreiro, está activo nos servizos de atención primaria dos concellos de Abegondo e Arteixo

A consellería de Sanidade e a Secretaría Xeral para o Deporte colaboran no desenvolvemento deste plan, que nace co obxectivo de abranguer toda a Comunidade

Arteixo, 4 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o programa piloto Adestra a túa saúde nos servizos de atención primaria dos concellos de Arteixo e Abegondo. A Consellería de Sanidade e a Secretaría xeral para o Deporte promoven de forma conxunta este plan para a prescrición de exercicio físico desde o ámbito sanitario e o seu seguimento desde o eido comunitario.

Dirixido, principalmente, ás persoas maiores de 60 anos, sas ou con factores de risco cardiovascular –padecer diabetes, hipertensión, dislipemia, obesidade, sobrepreso ou sedentarismo-, Adestra a túa saúde pretende mellorar a calidade de vida e afondar na prevención da fraxilidade destas persoas, a través da práctica de exercicio.

Este programa alíñase coa Estratexia de promoción da saúde e prevención do Sistema Nacional de Saúde, o plan galego de atención primaria e a Estratexia galega para a atención para a atención a persoas en situación de cronicidade.

O promotor de exercicio físico, figura clave do programa

Con motivo do Día Mundial da Obesidade, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán; o director xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel; e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde; reuníronse esta mañá, co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, para comprobar a súa posta en marcha. Na reunión estivo presente, tamén, o técnico municipal de deportes, peza clave no desenvolvemento de dito programa.

Tal e como explicaron, son os profesionais sanitarios do centro de saúde –persoal médico, enfermeiro e fisioterapeuta- os que detectan ás persoas destinatarias e as invitan a participan no programa. Se a resposta é afirmativa, remíteselles, entón, a un promotor de exercicio físico do concello, quen será o encargado de avaliar a súa condición física e quen acordará con ela o tipo de exercicio, tendo en conta as recomendacións do persoal sanitario e os servizos dispoñibles no concello.

Un proxecto piloto en dúas fases

Precisamente, Adestra a túa saúde activouse a mediados do pasado mes de febreiro en Arteixo e Abegondo, xa que ambos os dous contan con profesional promotor de exercicio físico, figura fundamental no desenvolvemento deste plan. A previsión é acadar os 60 usuarios inscritos no programa a mediados deste ano. Tendo en conta o perfil do usuario, o programa está dirixido ás máis de 7.000 persoas maiores de 60 anos que residen nestes dous municipios.

O obxectivo do Goberno galego é adaptar dito programa á realidade de cada un dos concellos de Galicia. Durante este primeiro semestre de 2022, avanzarase na definición do programa, para, nos seguintes seis meses, estudar a súa implantación nos 14 servizos de atención primaria que contan con plan de saúde local.

A raíz da experiencia deste primeiro ano en funcionamento, a Xunta estudará a súa extensión ao resto de servizos de atención primaria da nosa Comunidade. Preténdese crear, deste xeito, unha rede sociosanitaria comunitaria para a prescrición e o seguimento da actividade física neste segmento da poboación galega, facendo uso dos recursos xa existentes no municipio e desde a coordinación e o traballo conxunto de todos os axentes implicados.

Imaxes relacionadas