A Xunta apoia a recuperación da contorna da antiga mina de Porto Piñeiro en Valga como zona de lecer

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá os terreos para ver as posibilidades da súa posta en valor

O Goberno galego defende unha minaría sostible que garanta a compatibilidade do desenvolvemento industrial co coidado medioambiental
 

Valga (Pontevedra), 4 de marzo de 2022

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá en Valga a zona da antiga mina de extracción de arxila Porto Piñeiro para ver sobre o terreo as posibilidades da súa posta en valor como área de lecer.

Tal e como avanzou a Xunta financiará con 42.500 euros esta iniciativa que xa conta cunha análise ambiental e económica para mellorar as lagoas, implantar roteiros de senderismo e cicloturismo, habilitar unha posible zona de baño ao aire libre e favorecer a accesibilidade ao parque empresarial.

O obxectivo é poñer en valor de xeito sustentable antigos espazos mineiros para recuperar e renaturalizar todos os arredores para uso e goce da cidadanía. Uría agarda que actuacións como esta poidan acceder aos fondos europeos Next Generation para os que o Goberno de España habilitou axudas para a rehabilitación de espazos mineiros.

A directora xeral incidiu no compromiso da Xunta cunha minería sostible que permite o desenvolvemento industrial -favorecendo o emprego de calidade e a xeración de novas oportunidades económicas e sociais no rural- á vez que é compatible co medio natural.

Neste sentido, a Xunta destina este ano 2,4M€ a liñas de axudas para avanzar no sostibilidade da actividade industrial vinculada aos recursos naturais. En concreto destacan axudas para a mellora da calidade do ambiente atmosférico, a redución da exposición ao po e ao ruído ou para a implantación e certificación de sistemas de xestión mineira sustentable nas empresas. Tamén se destina 1M€ para a mellora de espazos termais de uso lúdico.
 

Imaxes relacionadas