A Xunta impulsa os valores da dieta atlántica entre o alumnado galego de Bacharelato e Formación Profesional

A través da iniciativa “Alimentación Saudable e Dieta Atlántica” os futuros restauradores recibirán formación práctica no CSHG sobre cociña saudable elaborada con criterios da dieta atlántica

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participu na primeira xornada de traballo desta iniciativa, impulsada pola Fundación Dieta Atlántica e a distribuidora alimentaria Vegalsa-Eroski, no marco do Xacobeo 21-22

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na primeira das xornadas formativas sobre a dieta atlántica impulsada pola Fundación Dieta Atlántica e a distribuidora alimentaria Vegalsa-Eroski, en colaboración co Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), no marco da programación do Xacobeo 21-22.
Trátase dunha iniciativa enmarcada na liña de alimentación e saúde do programa Xacobeo 21-22 da Xunta, destinada aos alumnos de Bacharelato e Formación Profesional de diferentes institutos galegos, que durante os próximos meses asistirán a unha sesión informativa no CSHG sobre Alimentación Saudable e Dieta Atlántica, da man de especialistas neste estilo alimentario, que participarán nun obradoiro de cociña de pratos elaborados seguindo os criterios atlánticos.
Preto de 40 alumnos do IES Rosalía Mera da Coruña foron os primeiros que participaron esta mañá na iniciativa coa que se busca concienciar sobre a importancia da alimentación saudable aos futuros xestores hostaleiros e cociñeiros. Na presentación do programa, ademais de Nava Castro, participaron a directora científica da Fundación Dieta Atlántica, Rosaura Leis, a directora do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, Marta Fernández e a directora de RRII & Comunicación de Vegalsa-Eroski, Gabriela González.


ADN atlántico e galego


As Xornadas sobre Dieta Atlántica son unha iniciativa para dar a coñecer os valores do estilo de vida atlántico a través do seu patrón alimentario característico, os seus principais produtos, valores nutricionais ou xeitos de cociñado, co obxectivo de trasladar este coñecemento aos futuros hostaleiros, formas de cociñado... para poder trasladalos ao sector hostaleiro en todos os seus ámbitos de actuación.
“Somos conscientes de que a gastronomía é fundamental na promoción turística e que o traballo, o esforzo, a profesionalidade e a dedicación dos últimos anos está a permitir que Galicia se posicione como destino enogastronómico de primeiro nivel”, destacou Nava Castro, quen fixo fincapé no grado de recoñecemento que ten acadado a cociña galega grazas ao traballo dos seus profesionais e que permitiu situar á comunidade galega no sexto posto con maior número de restaurantes recoñecidos con Estrelas Michelin. “A Galicia entendémola degustando a súa gastronomía e os valores da dieta atlántica forman parte do ADN da nosa restauración”, concluíu.
Outro dos compoñentes esenciais da dieta atlántica é o seu papel crave na prevención da obesidade a través da intervención das familias e da actividade física. E a súa contribución á prevención do cancro e o envellecemento, factor que explicaría que Galicia conte cunha das poboacións máis lonxevas do mundo. A Dieta Atlántica ofrece ademais a posibilidade de medila cunha serie de criterios que establece un índice de grupos de alimentos e cantidades recomendables que marcan a adherencia a este tipo de dieta e exponse de maneira operativa e que poida usarse de forma habitual.

Imaxes relacionadas