A Xunta aproba o proxecto de construción de dúas sendas na estrada OU-101, ao seu paso polos concellos de San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz

Desenvolveranse novos itinerarios peonís e ciclistas na marxe esquerda da vía, no núcleo da Medorra e ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia, e no Paiseo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé avanzar nas expropiacións e licitar as obras no 2º trimestre deste ano, para iniciar os traballos no outono, cun prazo de execución de 6 meses

Un treito de senda comezará ao pasar o cruzamento co rego de Pazos, discorrendo o seu trazado por toda a marxe esquerda da estrada, ata chegar ao núcleo das Campinas

O outro tramo iníciase no cruzamento de acceso ao núcleo de Cascarreira, discorrendo pola marxe esquerda da vía ata o cruce de acceso ao núcleo de Paiseo

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto construtivo de dúas sendas na estrada autonómica OU-101, ao seu paso polos concellos de San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz.

O Consello da Xunta autorizou onte mesmo as expropiacións dos 65 predios necesarios para desenvolver os novos itinerarios peonís e ciclistas na marxe esquerda da vía autonómica, no núcleo da Medorra e ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia, e no Paiseo. O investimento total da Xunta nestas obras, incluíndo o pagamento dos citados predios, supera o millón de euros.

O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3KeR6ZZ .

A intervención na OU-101 ten como obxectivo facilitar os desprazamentos a pé e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible na contorna, intervindo nas zonas que carecen na actualizade dun espazo propio para o tránsito de peóns, co fin de ofrecer unha mellora importante da seguridade viaria aos veciños destes municipios.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento de actas previas das expropiacións e licitará as obras no segundo trimestre deste ano, co obxectivo de iniciar os traballos no outono, cun prazo de execución de seis meses.

Segundo o proxecto definido polo departamento que dirixe Ethel Vázquez, un primeiro itinerario comezará á altura do núcleo da Medorra e desenvólvese ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia Campo Alegra, no núcleo da Medorra; e a outra senda desenvolverase na contorna de Paiseo.

Máis en detalle, o primeiro dos tramos comeza no punto quilométrico 7+750, ao pasar o cruzamento co rego de Pazos, para discorrer o seu trazado por toda a marxe esquerda da OU-101, ata chegar ao punto 9+420, xa no núcleo das Campinas. Deste xeito, facilítase o tránsito peonil aos veciños dos núcleos rurais desta zona, que carecen na actualidade de beirarrúas.

Doutra banda, o segundo dos tramos proxectados iníciase no cruzamento de acceso ao núcleo de Cascarreira, no punto quilométrico 13+780. Este treito discorrerá por toda a marxe esquerda ata alcanzar o cruzamento de acceso ao núcleo de Paiseo, no punto 14+230. Esta zona conta tamén con edificacións dispersas entre os núcleos de poboación.

Os itinerarios acadarán unha lonxitude total superior aos 2,1 km e un ancho mínimo de 1,80 metros e irán separados do tronco da estrada. En función das necesidades, os elementos de separación poderán ser mediante cuneta revestida e con perfil de seguridade, unha parte de vexetación máis bordo de ancho de 50 metros, ou bordo de sinalización.

Na intervención inclúese a execución en tres puntos dun muro de sostemento do terreo, ata sumar unha lonxitude total duns 80 metros e con alturas entre 1,50 e 2,70 metros. Ademais, disporanse máis de 500 metros de varanda de protección polo desnivel da senda con respecto ao terreo, así como tres novos refuxios nas paradas de autobús situadas no treito de actuación.

Tras o sometemento a información pública, o proxecto axustouse de xeito que a nova senda se adapta o máximo posible ao espazo dispoñible actual, minimizándose as expropiacións, sempre que se cumpra o obxectivo de contar cun ancho mínimo de senda libre de obstáculos de 1,80 metros.

A actuación é susceptible de financiamento con fondos europeos FEDER REACT-EU.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de sendas da comarca de Ourense, que recolle un investimento de 6,4 M€ en 16 km de novos itinerarios.

Neste momento están en execución as sendas dos parques empresariais, en San Cibrao e no Pereiro de Aguiar, que se retomaron en decembro tras a preinstalación do alumeado; en proceso de contratación as obras de tres sendas nas estradas OU-105, OU-536 e na avenida de Ponferrada; en supervisión o proxecto das sendas das Vendas e Santa Baia; e coa previsión de licitar nas vindeiras semanas as sendas de Montealegre e Valderregueiro.

A Xunta segue a traballar e investir na mellora da seguridade viaria e da mobilidade en Ourense, onde vén de rematar as obras da 2ª fase da Ponte Romana e está a ultimar a 2ª fase de Seixalbo. Tamén avanza na Rolda Leste entre Bemposta e a N-525, cuxa redacción do proxecto construtivo está xa adxudicado, para pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52.