O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Castro de Rei (Lugo) as instalacións da empresa

Conde destaca que o selo Galicia Calidade nos produtos Quescrem avala unha aposta continuada pola valorización do sector lácteo galego

Conde cualificouna como unha marca comprometida co territorio, coa sustentabilidade e coas novas demandas do mercado ás que dá resposta a través da I+D+i, que está no seu ADN

Innolact, con 16 anos de traxectoria, conta con 80 empregados distribúe a marca Quescrem en 40 países de todo o mundo; fundamentalmente, China, que é o seu segundo mercado despois de España

Apunta que Galicia é a oitava rexión europea en produción de leite, con 2,98 millóns de toneladas rexistradas en 2021 e unha facturación de 995M€
 

Castro de Rei (Lugo), 4 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, recoñeceu hoxe que o selo Galicia Calidade nos produtos Quescrem, da empresa luguesa Innolact, avala unha aposta continuada no tempo pola transformación e a valorización do sector lácteo galego.

Conde visitou hoxe as instalacións da empresa en Castro de Rei (Lugo), para entregar este distintivo a unha marca, dixo, comprometida co territorio, coa sustentabilidade e coas novas demandas do mercado ás que dá resposta a través da I+D+i. Unha marca con 16 anos de traxectoria para a que traballan xa 80 persoas e que se distribúe en 40 países de todo o mundo; fundamentalmente, China, que é o seu segundo mercado despois de España.

O selo Galicia Calidade, asegurou Conde, acredita a calidade da materia prima: leite cen por cento galego que provén de explotacións gandeiras locais, nunha comarca de extensa tradición leiteira. E, ao mesmo tempo, abondou, acredita, tamén, que a esa materia prima se lle aproveitan todas as calidades e propiedades nutricionais a partir da I+D+i, cun departamento onde a empresas reinviste preto do 10 por cento dos seus ingresos porque a innovación está no ADN de Innolact.

O vicepresidente económico apuntou que actualmente son 145 empresas e máis de 600 produtos os que contan coa certificación Galicia Calidade; delas, 65 pertencen ao sector agroalimentario. E con respecto á industria láctea, sinalou que Galicia é a oitava rexión europea en produción de leite, con 2,98 millóns de toneladas rexistradas en 2021 e unha facturación de 995M€.
 

Imaxes relacionadas