Conde asegura que Galicia só pode concibir da man do talento feminino o desenvolvemento dos seus sectores estratéxicos

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe no foro ‘Esenciais en bioeconomía’ que se celebra ata mañá en Santiago de Compostela

Destaca o papel que a industria da madeira pode supoñer para o impulso da economía circular, a sustentabilidade e a dixitalización

Defende que o tecido empresarial galego ten entidade suficiente para reclamar un Perte específico para o sector da moda

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde no foro Esenciais en Bioeconomía que se está celebrando entre hoxe e mañá en Santiago de Compostela e no que asegurou que Galicia só pode concibir o desenvolvemento e o crecemento dos seus sectores estratéxicos, como o téxtil e o forestal, da man do talento feminino.

O encontro tiña por obxectivo abordar o que o sector forestal representa na bioeconomía desde o punto de vista das mulleres profesionais que traballan nesta industria. Neste sentido, lembrou que a nova Axenda de impulso da industria forestal, que está en fase de elaboración, ten, entre as súas prioridades, fomentar novas vocacións entre a mocidade e, sobre todo, entre as mulleres.

Conde expuxo que o forestal a través da bioeconomía pode desempeñar un importante papel para o desenvolvemento da economía circular, a sustentabilidade e a dixitalización. Así, o sector téxtil prevé que as fibras de madeira supoñan o 30% da súa materia prima en 2040; a construción está apostando tamén pola sustentabilidade das edificacións empregando madeira e novos materiais derivados; cada vez hai máis envases e embalaxes fabricados de fibras e madeira e trátase dun sector que pode actuar como panca para impulsar o rural.

A Xunta acompañará este desenvolvemento e previsións do sector a través de medidas como a Estratexia de impulso da industria forestal que pretende mobilizar 140M€ incentivando novos usos da madeira, consolidando un ecosistema innovador no sector e impulsando a transformación tecnolóxica; a Estratexia de Economía Circular dotada con 865M€ para, entre outras medidas, fomentar novos modelos de negocio baseados no ecodeseño; así como apoiando a implantación dunha fábrica de fibras téxtiles que permita xerar 200.000 toneladas anuais de fibra de celulosa sostible.

Por outra banda, Conde tamén defendeu que o tecido empresarial galego ten entidade suficiente para seguir reclamando un Perte específico para o sector da moda co obxectivo de que se poidan afrontar con éxito os desafíos futuros desta industria da que Galicia é a primeira exportadora a nivel nacional con máis de 500 marcas.

Imaxes relacionadas