O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, visitan o espazo

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro comeza a programación de primavera tras recuperar as cifras prepandemia de visitantes

Entre as propostas previstas ata maio haberá visitas guiadas diarias, unha ruta ornitolóxica, sesións de ‘escape room’ e un encontro de investigadores e colectivos relacionados coa arte rupestre

A participación require inscrición previa que se pode facer a través do enderezo electrónico ou por teléfono

O ano pasado recibiu máis de 13.500 visitantes, situándose na media dos anos anteriores á crise sanitaria grazas á intensa actividade familiar e escolar
 

Campo Lameiro (Pontevedra), 3 de marzo de 2022

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro comeza esta fin de semana a nova programación deseñada para a primavera cos obradoiros familiares Píos miúdos. De tal niño tal paxariño. A axenda ata maio inclúe tamén visitas guiadas diarias, sesións de escape room, unha ruta ornitolóxica e un encontro de persoal investigador. Así o anunciou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nunha visita ao espazo xunto á directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, onde presentou a oferta cultural e de lecer deseñada para os vindeiros meses. A participación nela require de reserva previa a través do enderezo electrónico reservas@paar.es ou do teléfono 886 151 195.

Os representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientaron o relevante papel divulgador que está a ter o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, como xerador dunha oferta cultural e de lecer diversa e capaz de achegarlle a realidade da Prehistoria e dos petróglifos a todo tipo de públicos. Recoñeceron, ademais, o labor que se está a desenvolver neste espazo, que rexistrou en 2021, ano do seu décimo aniversario, unha afluencia superior aos 13.500 visitantes. O dato supón un incremento de case o 50% con respecto a 2020 e permitiu situarse na media dos anos anteriores á pandemia.

Para o secretario xeral de Cultura, a intensa axenda desenvolvida ao longo do pasado ano, centrada especialmente no público escolar e familiar, foi fundamental neste aumento. Do total de visitas rexistradas, arredor de 3000 procederon de centros de ensino. Ademais, para facilitar a divulgación entre o alumnado durante a pandemia, adaptouse a proposta didáctica nos momentos de restricións, incluíndo o desprazamento de persoal aos centros de ensino para achegarlles os contidos e recursos do parque arqueolóxico. Canto ao público xeral, en 2021 sumou máis de 8.000 visitantes e preto de 1.300 persoas participaron nas actividades ofertadas.

Obradoiros familiares

Para dar continuidade a estas accións, o Parque Arqueolóxico ten xa en marcha a nova programación de primavera, que foi presentada hoxe. Anxo M. Lorenzo destacou os obradoiros familiares Píos miúdos. De tal niño tal paxariño, que se realizarán todas as fins de semana ata maio, ás 10,30 horas. Inclúen un taller de temática ambiental, no que aprender a construír un niño de anduriña e a recoñecer algunhas das especies de aves que habitan no parque, e outro arqueolóxico, que variará en función da meteoroloxía e que ofrecerá contidos relacionados coa caza, o tecido, a pintura ou rexistro arqueolóxico, entre outras.

A participación en Píos Miúdos ten un prezo por persoa de seis euros, tanto para adultos coma para a rapazada, e inclúe a entrada ao parque para visitar a exposición permanente interior e a área arqueolóxica de 22 hectáreas, onde están os petróglifos. A nova actividade chega despois do éxito de Invernía, desenvolvido tamén as fins de semana desde novembro ata o pasado mes.

Por outra banda, a partir deste mes amplíanse as visitas guiadas diarias cun horario tamén de tarde e poderase percorrer a parte principal da área arqueolóxica da man dunha persoa experta en arte rupestre, ás 12,30 e ás 17,00 horas. Ademais, volve o escape room O segredo oculto do labirinto, pensado para maiores de 14 anos e dispoñible todas as semanas ás 13,30 e ás 16,30 horas.

Celebración do 8M

A maiores dos obradoiros familiares e das visitas guiadas, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre ofrece tamén actividades puntuais. A primeira delas enmárcase no Día internacional da muller, o 8 de marzo. Co gallo desta efeméride, ao longo da vindeira semana propónselles ás persoas que visiten a exposición permanente unha reflexión sobre os roles das mulleres e dos homes na Prehistoria e na arqueoloxía. Trátase dunha acción interactiva en colaboración coa Universidade de Vigo que pon o foco na identificación do sentido de xénero por parte da cidadanía.

Xa en abril, na xornada do 10, haberá unha visita ornitolóxica profesional da man do grupo SEO Birdlife Pontevedra que consiste nunha ruta con prismáticos para a localización de aves.

Tamén o vindeiro mes, o día 2, terá lugar a segunda edición da xornada Cazadores de petróglifos, que reunirá en Campo Lameiro investigadores e colectivos que están a traballar arredor da arte rupestre e do patrimonio arqueolóxico galego. As inscricións para asistir ábrense xa este mes na web do parque.
 

Imaxes relacionadas