O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá nunha xornada organiza pola Fundación Caser en Madrid

A Xunta expón nun encontro coas comunidades autónomas os avances de Galicia en materia de dependencia

Na xornada, que levaba o título de ‘La oportunidad de un nuevo impulso para la atención a la dependencia’, explicou as medidas incluídas no Plan de Choque posto en marcha pola Consellería de Política Social

Madrid, 3 de marzo de 2022

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá en Madrid nun encontro organizado pola Fundación Cáser no que participaron representantes de todas as comunidades autónomas. Na xornada, que se desenvolveu na sede madrileña da entidade baixo o título La oportunidad de un nuevo impulso para la Atención a la Dependencia, Antón Acevedo expuxo os avances que está a experimentar Galicia en materia de dependencia.
Así, o director xeral explicou as medidas incluídas no Plan de Choque en Dependencia, que busca reducir á metade tanto os tempos de espera para a valoración da dependencia como a papelame que leva consigo, ademais de crear vías alternativas para persoas con patoloxías graves. A través deste documento, centrado nunha simplificación do sistema que busca reducir os tempos de espera e atender a todo aquel que o precisa coa máxima axilidade, Galicia abordará a reforma máis ambiciosa do sistema desde o ano 2006, co que lle dará un impulso histórico.
Deste xeito, sinalou o director xeral, o texto contempla, entre outros aspectos, unha simplificación normativa e administrativa, a redefinición do Programa Individual de Atención (PIA), a axilización das valoracións e a creación de novas vías preferentes. Ademais, inclúe medidas para axilizar e facilitar o traballo dos profesionais públicos que valoran a dependencia, como crear novos centros de valoración; equipos de valoradores itinerantes, unha medida que xa se está a aplicar na provincia de Ourense; optimizar as rutas que seguen os valoradores a domicilio; mellorar o modelo de xestión de citas; e poñer en marcha novos equipos de valoración.