Feijóo avanza un investimento de 5,5 millóns para o novo servizo de medicina nuclear do Complexo Hospitalario de Ourense

Anuncia que a Consellería de Medio Ambiente habilitará máis de 340.000 metros cadrados de nova superficie industrial en San Cibrao das Viñas, cun investimento de 10 M€

Salienta a declaración dos dous primeiros polígonos agroforestais de iniciativa pública de Galicia, que estarán situados nos concellos de Oímbra e Cualedro, como iniciativas de utilidade pública e de interese social

Resalta un investimento de 17 millóns de euros para o proxecto de valorización da fortaleza de Monterrei

Destaca a posta en marcha da construción dun itinerario peonil e ciclista que conecte a cidade de norte a sur, así como a execución de dúas sendas peonís na estrada OU-101 ao seu paso polos concellos de San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz

Ourense, 3 de marzo de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe un investimento de 5,5 millóns de euros para as obras e equipamento do novo servizo de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que este servizo trasladarase á planta -1 do CHUO, o que permitirá mellorar as instalacións -con catro áreas diferenciadas- e incorporar alta tecnoloxía como: a renovación das dúas novas gammacámaras existentes ou instalar un equipo PET-TC.

O presidente da Xunta recordou que despois do novo edificio posto en marcha en 2017, cun investimento de 41 millóns de euros, a Xunta está inmersa nunha reforma integral do centro, co fin de iniciar este mes de marzo a construción dun novo edificio hospitalario e reformar o materno infantil -52,6M€-. Así mesmo, xa está licitado o proxecto para renovar e triplicar o espazo actual da Unidade de Coidados Intensivos, para o que se destinarán 9,4 millóns de euros; e o pasado verán rematouse o Plan funcional para construír un edificio administrativo e un novo edificio ambulatorio no complexo hospitalario.

Máis de 340.000 metros cadrados

En materia económica, Feijóo destacou a avaliación do Plan Estratéxico 2022-2024 do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que ten como obxectivos atraer novos proxectos empresariais, mellorar os servizos e infraestruturas, poñer espazos ao servizo dos autónomos e aproveitar as oportunidades dos fondos Next Generation e a chegada do AVE.

Para contribuír a este crecemento e consolidación de solo empresarial no concello de San Cibrao das Viñas, anunciou que a Consellería de Medio Ambiente habilitará máis de 340.000 metros cadrados de nova superficie industrial, cun investimento de 10 millóns de euros. “Isto farémolo a través da modificación do PXOM”, precisou, subliñando que, unha vez feito isto, a previsión é licitar as obras de urbanización este mesmo ano.

No eido rural, o responsable do Goberno autonómico salientou a declaración dos dous primeiros polígonos agroforestais de iniciativa pública de Galicia, que estarán situados nos concellos de Oímbra e Cualedro, como iniciativas de utilidade pública e de interese social. “O obxectivo é recuperar a actividade agrícola ou forestal en áreas de terra agroforestal que, co paso do tempo, quedaron abandonadas ou están infrautilizadas”, dixo, explicando que a declaración de utilidade pública e de interese social permitirá a tramitación urxente dos procedementos para poñer en marcha estes dous polígonos.

O polígono de Oímbra, que contará cunha superficie de 22 hectáreas repartidas en 70 parcelas de 73 propietarios, terá como actividade principal en toda a súa extensión os cultivos agrícolas de ciclo curto e, na parte sur, a gandería extensiva; e como actividade secundaria, as árbores froiteiras e, na parte sur, a gandería extensiva.

No caso de Cualedro, este polígono contará cunha superficie de 64 hectáreas, repartidas nunhas 70 parcelas de 70 propietarios. Como actividade principal establecerase a gandaría de extensivo e cultivos complementarios, contemplando a produción para carne de gando vacún, porcino, ovino e cabrún e dando prioridade ás explotacións que inclúan unha produción integrada en ecolóxico-; e como actividade secundaria, outros cultivos agrícolas e árbores froiteiras, mantendo sempre a vexetación de ribeira existente.

Revitalización da fortaleza de Monterrei e ampliación do estadio do Couto

No eido cultural, Feijóo resaltou un investimento de 17 millóns de euros para o proxecto de valorización da fortaleza de Monterrei, unha iniciativa que implicará catro anos para restaurar a estrutura, mellorar as calidades paisaxísticas e aplicar criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. “O obxectivo é converter a fortaleza nun recurso turístico de primeira orde para a provincia”, abundou.

En relación ao deporte, o titular da Xunta referiuse ao proxecto de ampliación, reforma e mellora do estadio do Couto, cunha licitación por preto de 2 millóns de euros. Unha vez adxudicadas, en torno ao mes de xuño, comezaranse as obras, cun prazo de execución de sete meses.

No fomento da mobilidade sostible, destacou a posta en marcha da construción dun itinerario peonil e ciclista que conecte a cidade de norte a sur, cun investimento de 4,5 millóns de euros; así como a execución de dúas sendas peonís na estrada OU-101 ao seu paso polos concellos de San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, nas que se investirán máis dun millón de euros.

Por último, o presidente do Goberno galego anunciou a convocatoria dun concurso de ideas para o deseño da nova sede administrativa da Xunta en Ourense, á que se trasladarán máis de 940 traballadores.

Esta nova sede enmárcase na estratexia de alugueiros cero que está a levar a cabo a Administración autonómica desde 2009, co obxectivo de concentrar servizos administrativos nos mesmos espazos e aforrar costes no aluguer.

Imaxes relacionadas