Galicia condena a invasión de Ucraína e amosa o seu apoio ao pobo ucraíno e a súa disposición de colaborar nunha resposta humanitaria coordinada co Goberno central

Feijóo salienta o ofrecemento de poñer á disposición preto de 500 camas nas sete áreas sanitarias, así como o compromiso de achegar unha listaxe cos recursos dispoñibles para acoller refuxiados

Anuncia que, ante a existencia dunha situación de ameaza aos servizos públicos a través das redes, a Xunta traballa en coordinación cos ministerios de Defensa e Interior e seguirá implementando diversas medidas en materia de ciberseguridade, cun investimento de preto de 18 M€
 

Ourense, 3 de marzo de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe a condena a agresión inxustificada de Rusia a Ucraína e amosou o apoio ao pobo ucraíno. “Galicia non pode ser allea a esta situación, unha das máis graves vividas en Europa desde a segunda guerra mundial”, abundou.

Fíxoo con motivo da aprobación dunha Declaración Institucional no Consello da Xunta, na que tamén se reafirmou o compromiso cunha política exterior da UE e a Alianza Atlántica en defensa da paz e da estabilidade e o apoio ao Goberno de España dentro dos principios de unidade e Acción Exterior.

Logo de recordar que Galicia mantivo contactos co Ministerio de Exteriores, en canto se tivo coñecemento da invasión, para coñecer se algún galego residente en Ucraína precisaba asistencia, Feijóo reiterou a intención da Comunidade seguir colaborando e sendo útil.

A este respecto, salientou o ofrecemento de poñer á disposición preto de 500 camas nas sete áreas sanitarias con espazo específico para pacientes pediátricos e pacientes con tratamento oncolóxico; así como o compromiso de achegar unha listaxe cos recursos dispoñibles para acoller refuxiados.

Ademais, sinalou que se mantiveron reunións e contactos coas asociacións que traballan na protección internacional e coa recentemente creada asociación de ucraínos residentes en Galicia para coñecer as súas demandas e necesidades. Por último, pediu que se habilitase un mecanismo permanente de colaboración para o envío de axuda humanitaria.

Medidas en materia de ciberseguridade

Por outra banda, pero en consonancia co acontecido en Ucraína e ante a existencia dunha situación de ameaza aos servizos públicos a través das redes, Feijóo anunciou que a Xunta seguirá implementando diversas medidas en materia de ciberseguridade, cun investimento de preto de 18 M€.

De feito, tal e como lembrou, o Goberno galego participa desde o pasado 21 de febreiro, na actuación coordinada polos ministerios de Defensa e Interior para o reforzo das medidas de ciberseguridade nos ámbitos gobernamentais ante un risco elevado de ciberataques.

Trátase, dixo, de actuacións en tres eixes: a colaboración público-privada, formación e concienciación e infraestruturas e operacións. Entre as que destaca no eido da colaboración, o Nodo Galego de Ciberseguridade e a posta en marcha este ano da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade; no ámbito da formación e concienciación o impulso dunha campaña para concienciar á cidadanía e a implementación do servizo para a implantación dunha estratexia de ciberseguridade nas empresas incluído no programa Re-acciona. E, finalmente, en infraestruturas, o máis salientable, abundou, é o Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia, que previsiblemente se emprazará en Ourense e cuxas obras comezarán este ano.
 

Imaxes relacionadas