A Xunta valora os grupos de desenvolvemento rural como dinamizadores do agro e como creadores de emprego e riqueza ao abeiro da medida Leader

Inés Santé lembrou que no período 2014-2020 aprobáronse en Galicia case 1.500 proxectos Leader xestionados polos GDR, cunha axuda pública de 71,5 millóns de euros e que conseguiron consolidar 3.256 empregos e crear outros 933 novos postos de traballo

Lugo, 3 de marzo de 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago (USC) e seis grupos de desenvolvemento rural (GDR) de diferentes puntos de Galicia que participan no proxecto Nó Rural. O acordo foi asinado polo reitor da USC, Antonio López, e polos presidentes dos GDR Seitura 22 (con sede en Ferrol), Mariñas Betanzos (Abegondo), Terra Chá (Vilalba), Comarca de Lugo (Friol), A Limia Arnoia (Xinzo de Limia) e Galicia Suroeste Eurural (Mos).

O obxectivo do acordo é facilitar un marco de actuación conxunto en actividades culturais, científicas, pedagóxicas e de investigación, ao abeiro da devandita iniciativa Nó Rural. Este proxecto ten como finalidade fundamental a de facilitar o retorno e a inserción laboral da xuventude nas zonas rurais, dinamizando así a economía destas áreas e fomentando a innovación.

Neste contexto, Inés Santé puxo en valor o labor dos diferentes GDR a prol da dinamización do agro e, máis concretamente, do emprendemento e da empregabilidade, facendo de “verdadeiras pontes” de comunicación entre a mocidade do rural e as empresas desas zonas.

Neste sentido, a directora xeral destacou que estes grupos desempeñan un papel fundamental como xestores da medida Leader. E lembrou que durante todo o período 2014-2020, que establece o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, foron aprobados preto de 1.500 proxectos ao abeiro desta iniciativa, cunha axuda pública de 71,5 millóns de euros. Con eles, engadiu, conseguiuse consolidar 3.256 empregos e crear outros 933 novos postos de traballo.

Ademais, Inés Santé salientou que a Xunta seguirá promovendo este tipo de proxectos de cooperación entre GDR e outras entidades, a través dunha nova convocatoria de axudas ao abeiro do programa Leader que estará dotada este ano cun orzamento de 1 millón de euros, cifra que duplica a da convocatoria anterior para esta mesma finalidade.

Nó Rural

A directora xeral vinculou todo este labor con iniciativas como Nó Rural, que se centra, por exemplo, en facilitar un novo servizo de prácticas e estadías en empresas nos territorios para mellorar as competencias profesionais da xuventude e propiciar o seu acceso ao mundo laboral. Trátase, tamén, de identificar un banco de oportunidades para cada un dos territorios ou GDR e poñelas a disposición dos usuarios do servizo. Neste banco incluiríanse explotacións con dificultades para a remuda xeracional, instalacións infrautilizadas ou en desuso, terras etc.

Co convenio asinado hoxe quérese favorecer que o alumnado do Campus lucense da USC, en distintas formacións e graos, poida realizar os seus traballos académicos e de investigación en entidades e empresas dos GDR participantes. Así, durante a súa etapa formativa, estes alumnos de enxeñería agrícola, agroalimentaria, forestal, robótica ou civil -entre outras- poderán aportar os seus coñecementos e, ao tempo, seren coñecidos e valorados polas devanditas empresas e entidades.

Ademais, a través do acordo tamén está previsto que as persoas recentemente tituladas poidan acceder a prácticas, tanto nos propios GDR como nas empresas do territorio, en concellos ou en comunidades de montes, entre outras entidades, para ampliar e enfocar o seu horizonte laboral.

 

Imaxes relacionadas